Os ecos do 'Efecto PO2' e do modelo urbano de Pontevedra chegan ata Glasgow

Pontevedra
10 de outubro 2019

Anabel Gulías participou como relatora nunha mesa redonda na que se analizaron experiencias contrastadas e de éxito no deseño das cidades, buscando dar solución aos grandes problemas urbanos: tráfico excesivo, contaminación do aire e acústica, falta de seguridade viaria e deterioro da calidade de vida

Intervención de Anabel Gulías en Glasgow
Intervención de Anabel Gulías en Glasgow / Concello de Pontevedra

Pontevedra como exemplo de "cidade pioneira" na mobilidade urbana sustentable foi unha das protagonistas do cumio Healthy Streets 2019 que se celebra na cidade escocesa de Glasgow. Ata alí chegou o modelo de cidade da Boa Vila e a campaña 'Efecto PO2', posta en marcha para acadar un hábitat máis saudable para a cidadanía.

A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, participou como relatora nunha mesa redonda na que se analizaron experiencias contrastadas e de éxito no deseño das cidades, buscando dar solución aos grandes problemas urbanos: tráfico excesivo, contaminación do aire e acústica, falta de seguridade viaria e deterioro da calidade de vida.

"Somos cada vez máis conscientes de que a nosa experiencia é importante para promover outros modelos urbanos alternativos, que busquen un cambio de paradigma e prioricen as persoas", explicou Gulías na súa intervención, que situou a presenza de Pontevedra neste cumio como parte da internacionalización que se persegue coa campaña 'Efecto PO2'.

A edil pontevedresa destacou no Glasgow City Chambers, lugar no que se celebra o cumio, o descenso das emisións de CO2 nun 67%, a redución do número de coches que circulan actualmente pola cidade, que se sitúa en 7.000 fronte os 80.000 de 1999; ou a limitación da velocidade a 30km/h no perímetro da cidade e a 20km/h nas rúas de plataforma única.

Con todo, destacan desde o goberno municipal, o que máis impacto creou no auditorio foron os resultados amosados tras o calmado do tráfico: os cero mortos por atropelo desde 2011, a creación da rede de camiños escolares, a celebración de máis de mil actividades ao aire libre ao ano, a accesibilidade universal e o incremento dos desprazamentos a pé en máis do 65%.

Estas cifras unidas ás imaxes das rúas de Pontevedra ateigadas de coches de antes de 1999 contrastadas coas imaxes das rúas cheas de xente na actualidade, suscitaron un grande interese tanto entre os asistentes como entre a organización.

A xornada desta tarde estivo presentada pola alcaldesa de Glasgow, Susan Aitken, que explicou durante a súa intervención que con este cumio pretenden concienciar sobre a necesidade de apostar polo espazo público para as persoas.

A rexedora centrouse no que denominou o informe "imaxinación pública", documento no que Glasgow recolle a filosofía dun espazo público 'imaxinado' (como ideal de futuro) que se concibe como "unha ferramenta para equiparar e igualar socialmente", porque segundo indicou "onde se mellora o espazo público mellora a calidade de vida e as oportunidades para a poboación, incluídas as oportunidades laborais".