Os ecoloxistas alegan contra o parque eólico de Pedras Negras

Marín
07 de decembro 2012

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo acaba de presentar as súas alegacións ao proxecto para o parque eólico de Pedras Negras, que xa está sometido a exposición pública. A Plataforma considera que este parque eólico promovido pola empresa multinacional italiana, Enel Green Power España, sería negativo "para a natureza, a paisaxe, o patrimonio arqueolóxico e para a economía da nosa bisbarra"

Aeroxeradores
Aeroxeradores

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo acaba de presentar as súas alegacións ao proxecto para o parque eólico de Pedras Negras, que xa está sometido a exposición pública.

Na relación de afectados, exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Marín, destacan a Comunidade de Montes de Santo Tomé de Piñeiro e o propio concello marinense.

A Plataforma considera que este parque eólico promovido pola empresa multinacional italiana, Enel Green Power España, sería negativo "para a natureza, a paisaxe, o patrimonio arqueolóxico e para a economía da nosa bisbarra".

O estudo de impacto ambiental presentado pola empresa recoñece que as obras de instalación do parque afectarían a un total de catorce xacementos arqueolóxicos catalogados.

Ademais esta Plataforma sostén que "a afección á paisaxe só a podemos denominar como contundente" a isto suman que os destierres afectarán a numerosos regatos e acuíferos "sen que exista unha avaliación fiábel do impacto".

"A mortandade da fauna e a desfeita da flora durante a construción do parque, e unha vez rematado, son permanentes", engade esta alegación.

Pese a que a enerxía eólica é un recurso "ecolóxico" este colectivo sinala que "na súa forma de implantación en grandes parques eólicos convértense nunha desfeita ambiental".