Os disfraces impactantes de Agustín Gutiérrez, referencia para o Entroido 2020 de Bueu

Bueu
07 de febreiro 2020

As actividades previstas na programación desenvolveranse do 21 de febreiro ao 1 de marzo, e terán como eixos fundamentais os disfraces, as comparsas e o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro. Este ano quere combinarse tradición e modernidade

Presentación do Entroido 2020 en Bueu
Presentación do Entroido 2020 en Bueu

Bueu segue apostando por combinar tradición e modernidade para revitalizar o Entroido. A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Silvia Carballo, presentaba este venres as actividades que se desenvolverán con motivo desta festa na vila. 

Diferentes colectivos que forman parte do Comité do Entroido participaron para elaborar un programa que descansa en tres eixos: os disfraces, exemplificados no pasado na Sala Paraíso; as comparsas e o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro.

Nesta ocasión, o Entroido dedicarase á figura de Agustín Gutiérrez, unha persoa que desde os 14 anos creou disfraces orixinais e impactantes, que reivindicaban a identidade e a tradición do pobo, segundo expresou na presentación o alcalde Félix Juncal. O  Concello organizará unha exposición no Estaleiro da Banda do Río e na Sala Amalia Domínguez Búa no que se poderán ver fotografías do arquivo de Gutiérrez con disfraces como o do  costurero no que hai detalles de todo tipo. A exposición estará aberta entre o 21 de febreiro e o 1 de marzo. 

O acto central de homenaxe será o 29 de febreiro ás 17.00 horas cando actuarán as comparsas e farase a entrega dun agasallo institucional a Agustín Gutiérrez que mostrou a súa alegría e o seu orgullo por esta dedicatoria.

O 21 de febreiro celebrarase a festa infantil na carpa da Praza Massó. Desde o 24 ata o 26 de febreiro están programados talleres infantís matinais para escolares de entre 4 e 12 anos. O mércores sairá o Desfile Infantil do Enterriño da Sardiña e unha festa infantil de disfraces.

O 22 de febreiro, o Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu celebrará o baile de Entroido durante a tarde e o 1 de marzo, o baile de Vascalleiros, co grupo Sintonía.

Ademais está previstos outros actos como a VI Filloada de Meiro, organizada pola asociación A Morada, con actuación de comparsas de Bueu. Tamén se celebrarán os festivais de comparsas organizados polo Bueu Atlético Balonmán, tanto na Casa do Pobo de Beluso como no Centro Social do Mar; e o III Concurso de Filloas de Vascalleiros da asociación dá Banda do Río. En Cela tamén se celebrará un festival de comparsas organizado pola asociación  Costumes de Cela co obxectivo de revitalizar esta festa na parroquia.

O domingo 1 de marzo será a cita co Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que dará fin á programación coa queima do paxaro e a actuación do grupo vigués Broken Peach.

Está aberto o prazo de inscrición nos premios de Entroido ata o 20 de febreiro. Este ano repartirase, entre outras, unha cantidade de 6.000 euros entre os participantes. Cada comparsa con máis de 15 persoas de Bueu que participe recibirá 300 euros pola súa participación nos actos programados durante estas festas. 

Arquivado en