Os deputados provinciais do Partido Popular aseguran estar "cansos xa das ameazas" da presidenta da Deputación, Carmela Silva. Así o manifestou o voceiro do grupo popular, Ángel Moldes, logo de coñecer a intención do goberno provincial de poñer en coñecemento da Fiscalía as "irregularidades" detectadas nalgúns proxectos do anterior goberno que presidía Rafael Louzán.
"Non nos sorprende porque parece que o único que saben facer é estar pendentes do Partido Popular, da etapa na que estabamos no Goberno e na de agora a pesar de estar na oposición. Que fagan o seu traballo e que nos deixen facer o noso, pero que fagan algo", dixo Moldes.
En canto a denuncia, Moldes contéstalle a Silva "que actúe como considere mellor, ten toda a documentación á súa disposición, revisada polos equipos xurídicos, polas mesas de contratación, por todos os servizos pertinentes e aprobados polos técnicos da Deputación".
Neste sentido indican que durante anterior goberno do PP, "eran os propios funcionarios os que se encargaban de facer os informes de Deputación, agora son os asesores, xente amiga do novo goberno e non técnicos, os que se encargan deste labor, tal e como denunciaron os propios sindicatos da institución provincial".
Os deputados populares sinalan que "están moi tranquilos ante as posibles denuncias", xa que se trata de proxectos cofinanciados pola Unión Europea. "O que realmente nos preocupa, sinala Moldes, é que fagan unha fuxida para adiante dicindo que van denunciar ao goberno do PP cando o que están facendo é tratar de tapar a súa incapacidade para poñer en funcionamento proxectos que o Partido Popular deixou resoltos".
Neste sentido consideran que "a presidenta da Deputación o que ten é unha fixación co Partido Popular, non quere que fagamos o noso labor e o que trata é de intimidarnos con ameazas".