Os deputados populares levan ao pleno da Deputación a modificación do regulamento de Costas

Pontevedra
26 de febreiro 2020

Consideran fundamental que haxa un "escenario claro e preciso para que as empresas poidan seguir coa súa actividade con normalidade"

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Cristina Saiz

O grupo provincial do Partido Popular traslada este venres no pleno da Deputación de Pontevedra a moción proposta polo sector mar-industria galego para que o Goberno central conte con eles e coa singularidade de Galicia para elaborar a modificación do Regulamento Xeral de Costas.

O deputado provincial, Javier Tourís, destaca que o PP leva advertindo desde abril da "inseguridade xurídica" que xeran tanto a reforma da lei de Costas que pretende acometer o Goberno do Estado, como a "aplicación hiperrestritiva que está a facer da normativa vixente".

Ademais, piden que a reforma da normativa de Costas manteña o actual sistema regulatorio das concesións de ocupación do dominio marítimo-terrestre para os establecementos do complexo mar-industria alimentario, dada a súa vital dependencia da captación directa da auga do mar e, por tanto, resulta imprescindible para su funcionamento a ocupación parcial desta zona.

Por último, solicitan unha mesa de análise e negociación cos sectores vinculados ao mar para acadar un acordo que permita que o proxecto teña en conta a relevancia socioeconómica do sector do mar de Galicia e as súas reinvindicacións.