O grupo provincial do Partido Popular preguntará en pleno ao goberno provincial da Deputación de Pontevedra "que ten pensado facer coas catro Pousadas do Salnés", así como dos pasos que se deron con respecto a este proxecto desde a súa toma de posesión o pasado 17 de xullo.
Cabe salientar que o novo goberno da Deputación trasladará á Fiscalía e ao Tribunal de Contas proxectos do anterior goberno provincial, que dirixía o popular Rafael Louzán, que en conxunto suman 35 millóns de euros xa que na tramitación dos devanditos programas detectáronse irregularidades, tanto na xestión como nos pagos. Trátase de actuacións que recibiron fondos europeos, como o de Pousadas do Salnés, dos que hai que render contas tanto á Unión Europea como a outras institucións
O voceiro do grupo, Ángel Moldes, e os deputados do Salnés, Salomé Peña e Luis Aragunde, visitaron este mércores a Pousada da Armenteira acompañados do alcalde de Meis, Jose Luis Pérez.
Os populares denunciaron o "estancamento" deste proxecto, e mostráronse seguros de que "se Rafael Louzán estivera liderando a Deputación de Pontevedra, as catro Pousadas estarían abertas e funcionando". Segundo explicaron, o anterior goberno deixou este proxecto licitado, cunha empresa contratada para explotar os catro centros, e só pendente da firma da acta de inicio.
"Se a día de hoxe estas Pousadas non están en marcha non é pola inacción do anterior equipo de goberno, senón que é polas propias políticas e a falta de xestión do actual bipartito da Deputación", criticaron.
Por este motivo, consideran que é "importante" que os responsables provinciais expliquen no pleno de outubro que pasos se deron ata o de agora nun proxecto que "ía ser pioneiro no noso país e que supoñía unha oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico de toda a comarca, e do resto da provincia", e que indiquen que é o que van a facer con estes proxectos.
Moldes explicou que "pode haber algunha Pousada que teña algún trámite administrativo pendente, pero que en todo caso é a propia presidenta e os seus deputados quen teñen que preocuparse e liderar que este proxecto se poña en marcha".
Pola súa parte, o alcalde de Meis, Jose Luis Pérez, recoñeceu que os veciños preguntan por que unha vez que esta obra está rematada non se pon en funcionamento, "e eles non entenden dos problemas de cambios de goberno", dixo. "O que queren é que os problemas se resolvan, e que non se creen outros novos. Polo que é importante que o goberno da Deputación resolva os problemas que poida haber e que poñan as pousadas en marcha canto antes".