Os delitos contra a liberdade sexual baixan en Marín e Vilagarcía e mantéñense sen cambios en Pontevedra

Pontevedra
11 de novembro 2022

Maica Larriba alertou de que se está a detectar un repunte dos pequenos furtos en vehículos, causados en moitos casos por persoas toxicómanas que rompen as fiestras para procurar diñeiro ou obxectos de valor. Fixo un chamamento a evitar que se deixen nos vehículos móbiles, dispositivos electrónicos, lentes de sol, prendas ou outros elementos 

Patrullas da Policía Nacional e a Garda Civil nunha intervención conxunta
Patrullas da Policía Nacional e a Garda Civil nunha intervención conxunta

Durante os dez primeiros meses do ano 2022, os delitos contra a liberdade sexual descenderon á metade en Marín e baixaron un 25% en Vilagarcía fronte ás cifras do mesmo período de 2021 mentres que, no caso da cidade de Pontevedra, as estatísticas non experimentaron cambios.  

A subdelegada do Goberno Pontevedra, Maica Larriba, deu a coñecer estas cifras este xoves despois de presidir a Xunta Provincial de Seguridade, á que asistiron o comandante da Garda Civil Óscar Graña; comisario provincial da Comisaría de da Policía Nacional, Juan José Díaz; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro García; e o comandante da Garda Civil de Tráfico na provincia, Antonio Pérez Piteira. 

Segundo os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia, no ámbito provincial os delitos contra a liberdade sexual descenderon entre xaneiro e outubro un 12%.

Maica Larriba alertou de que se está a detectar un repunte dos pequenos furtos en vehículos, segundo os mandos policiais, causados en moitos casos por persoas toxicómanas que rompen as fiestras para procurar diñeiro ou obxectos de valor.

A subdelegada fixo un chamamento a evitar que, na medida do posible, se deixen nos vehículos teléfonos móbiles, dispositivos electrónicos, lentes de sol, prendas ou outros elementos que poidan incitar ao roubo.

Nos seis primeiros meses do ano houbo un crecemento do 20% nas infraccións penais, estreitamente vinculado ao aumento dos delitos leves, tales como os pequenos furtos, os danos ou as lesións. Os responsables policiais atribúen este crecemento á recuperación da actividade social normal despois da pandemia e, en moitas ocasións, relacionados co ocio nocturno. 

Tamén contribúe a lastrar a estatística a maior incidencia dos ciberdelitos, que foron un 30% superiores aos producidos nos dez primeiros meses de 2021. 

Con todo, Maica Larriba destacou a importante actividade e eficacia policial ao longo deste período, o que se traduce nun 15,23% máis en canto ao índice de esclarecemento de delitos e nun 13,52% no número de detidos e postas a disposición de reclamados xudiciais. Así mesmo, as estafas a través de internet resolvéronse en case un 75% e a participación policial en auxilios creceu un 33%. 

En Pontevedra cidade, increméntanse lixeiramente os furtos e denuncias por pelexas e pequenas lesións vinculadas ao ocio nocturno, mentres que as estafas por internet caen nun7%. 

En Vilagarcía, os roubos con violencia un 12,5% os pequenos furtos un 51% e as ciberestafas redúcense nun 22%. O número de detidos caeu en 8 persoas con respecto ao mesmo período de 2021.

En Marín, os roubos con violencia son un 75% menos, os roubos con forza en vivendas redúcense nun 25% e os pequenos furtos nun 36%. Non obstante, aumentan as substraccións en vehículos.