Os 'deberes' que o alcalde de Pontevedra lle porá a Alfonso Rueda

Pontevedra
19 de outubro 2022

O goberno municipal xa ten listo o dossier que remitirá á Xunta de Galicia coas demandas que Miguel Anxo Fernández Lores transmitirá a Alfonso Rueda na reunión que manterán o vindeiro martes. "Irei con toda a ilusión do mundo e despregarei todos os meus encantos para convencelo de que nos faga caso e colabore activamente con esta cidade que é a súa", asegurou o alcalde

Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores, no Concello de Pontevedra
Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores, no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno municipal xa ten listo o dossier que remitirá á Xunta de Galicia coas demandas que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, transmitirá ao presidente Alfonso Rueda na reunión que manterán o vindeiro martes.

"Irei con toda a ilusión do mundo e despregarei todos os meus encantos para convencelo de que nos faga caso e colabore activamente con esta cidade que é a súa", asegurou Fernández Lores, que espera que o presidente galego "vexa todos estes temas con cariño".

No encontro entre ambos os dous dirixentes, que se celebrará na delegación territorial da Xunta en Campolongo, estarán tamén, segundo avanzou o rexedor, o delegado do goberno galego na cidade, Luís López, e o edil de Infraestruturas, César Mosquera.

Aínda que Lores lamentou que os antecedes de reunións similares "non son bos", confía en que con Alfonso Rueda sexa posible "chegar a acordos en beneficio de Pontevedra" e, entre outras cousas, convidarao a que faga unha visita oficial ao Concello.

Con respecto aos temas que poñerá sobre a mesa, o alcalde de Pontevedra destacou a necesidade de recuperar o proxecto da variante de Alba. "Foi xa un tema acordado no seu día, un compromiso que a Xunta fixou e que só queremos velo cumprido", sostivo.

Ademais, o rexedor quere realizar un seguimento do convenio para o Gran Montecelo e, especialmente, coñecer os plans da Xunta para o Hospital Provincial, que o Concello suxire destinalo a pacientes crónicos, e para a Casa do Mar de Mollavao.

A dragaxe da ría, actuacións de mellora da seguridade viaria nas estradas PO-542, PO-223 e PO-546 cara a Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Marín ou a desafectación das parcelas da Xunta na Xunqueira de Alba serán outros dos asuntos a tratar.

O Concello solicitará tamén ao goberno galego a súa colaboración para o futuro pavillón de ximnasia da Parda ou a rehabilitación do convento de Santa Clara, así como información sobre o futuro do Pazo de Lourizán, agora que a Xunta asumirá a súa xestión.

Por último, Fernández Lores transmitirá o malestar que existe en Pontevedra ante o tratamento informativo que a cidade recibe da TVG, porque "só veñen por desgrazas ou trapalladas e voullo dicir a Rueda á cara, porque non é xusto para os pontevedreses".

"A información que reciben os galegos de Pontevedra é escasa e mala", engadiu o alcalde, que reclamará a reapertura da delegación da radio e televisión pública en Pontevedra "porque é unha tele que pagamos todos" e é a única capital de provincia sen sede.

Arquivado en