O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, fixo balance turístico deste verán de 2020 marcado pola pandemia da covid, destacando que "se conseguiu moito máis" do que se esperaba inicialmente situando á vila "entre os destinos con mellores datos" e convertendo a Sanxenxo en "líder en Galicia e o norte de España".
O rexedor popular lembrou que as previsións que se manexaban eran pesimistas xa que apuntaban que a crise sanitaria provocaría que este fose "un verán máis curto, sen xuño e cun posible peche antes de tempo".
Á hora de repasar como foi o verán, Telmo Martín puntualizou que "a comparación non é con 2019, é co resto de destinos de España e Galicia" e neste sentido "o verán foi moito mellor do previsto" xa que "Sanxenxo non tivo sobresaltos sanitarios" e os datos de ocupación e pernoitas foron "os mellores posibles".
Telmo Martín recalcou que houbo "tranquilidade sanitaria" algo que achaca ao "comportamento responsable de veciños e visitantes", xunto á profesionalidade do sector turístico, ás medidas adoptadas polo Concello e tamén á xestión da Consellería e a área sanitaria Pontevedra - O Salnés.
Ademais o alcalde valorou de maneira moi positiva que Sanxenxo identificouse como un "destino seguro" algo ao que contribuíu a difusión internacional que tivo a proposta de dividir en cuadrículas a praia de Silgar. Telmo Martín valorou esta idea como un magnífico investimento pola enorme publicidade que tivo en todos os medios de comunicación.
Este "esforzo en seguridade" tivo un custo de 1,6 millóns de euros
Ao seu xuízo, tamén contribuíu a esta cualificación de Sanxenxo como destino seguro a contratación de informadores das praias, a limpeza e desinfección dos aseos públicos cada hora e media, a utilización de drons para control de aforos, o establecemento de zonas de prioridade peonil ou as 17 bandeiras azuis e o distintivo especial salvamento e socorrismo.
Este "esforzo en seguridade" tivo un custo de 1,6 millóns de euros que se reparten entre o gasto en persoal de seguridade e limpeza (924.582 euros), mantemento de praias (412.946 euros) e a habilitación de zonas de prioridade peonil (284.642 euros).
Sanxenxo conta con 11.106 segundas residencias, 167 hoteis e 12 cámpings, 1.800 apartamentos turísticos.
DATOS DE XULLO
No mes de xullo a ocupación en hoteis en Sanxenxo foi do 50%, mentres que en Galicia foi 31,5% e España rexistrou unha ocupación do 35,6%, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística.
As pernoitas en xullo en Sanxenxo foron 102.635, este dato supón o 35% da provincia de Pontevedra (291.598) e o 17% de Galicia (598.513). A ocupación dos apartamentos turísticos de Sanxenxo durante este mesmo mes foi do 80%.
Telmo Martín subliñou que Sanxenxo foi o líder do norte de España durante o mes de xullo superando en pernoitas ao resto de cidades turísticas con destinos tan destacados como San Sebastián (91.851), Bilbao (73.898), Xixón (65.340), Santander (62.938), Santiago de Compostela (54.330), A Coruña (50.309) ou Vigo (50.078).
DATOS DE AGOSTO
No mes de agosto os hoteis de Sanxenxo viviron unha ocupación do 65,5% segundo o dato do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo e á espera de que o INE faga públicos os seus datos oficiais.
A asociación de propietarios de vivendas turísticas de Galicia (Aviturga) tamén informou que a ocupación de apartamentos turísticos en Sanxenxo durante o mes de agosto foi do 100%.