Os damnificados polos incendios recibirán 3.420 euros da gala benéfica solidaria

Ponte Caldelas
23 de novembro 2017

A solidariedade veciñal provocou que se esgotara o medio milleiro de entradas postas á venda e tamén se recadou a través da venda dun importante número de tíckets da "Fila Cero"

Gala benéfica Ponte Caldelas solidaria
Gala benéfica Ponte Caldelas solidaria

A coordinadora 'Ponte Caldelas Solidaria' ofreceu os datos da cantidade económica recadada na gala benéfica que irá destinada a Cáritas para axudar a aquelas familias que se viron damnificadas polos incendios no municipio. A cantidade ascende a 3.420 euros, obtida a través da venda das entradas, que se esgotaron, como de tickets da "Fila Cero", con achegas de persoas que querían colaborar pero que non podían asistir a esta cita solidaria.

No evento participaron humoristas como Tacho González, Miguel Sincero, Federico Pérez e Pepo Suevos, ademais dos grupos Laranxada de Limón, Mushu, Guillermo Castro, Mari Costa, Os Coribantes, Stökk, Son das Tabernas, Sete Cuncas e AnodhoR.

Por outra banda, tamén se están levando a cabo poxas na rede social Instagram cunha serie de lotes diarios doados por preto dun centenar de empresas de toda España.

Cada día están a obterse ao redor de 55 euros a través dos lotes que saen a concurso entre as 9.00 e as 22.00 horas. Estes fondos tamén irán á conta de Cáritas- Concello co mesmo obxectivo de axudar aos veciños afectados.

Este venres 24 celebrarase ademais a cea solidaria de Cáritas na Discoteca Reivi á que xa se apuntaron 150 persoas. Tamén haberá actuacións musicais con cancións mexicanas e sevillanas a cargo da Asociación de Mulleres Rurais Aires del Norte y Olé.