Os cooperativistas de Valdecorvos agardan unha solución de Xestur para recuperar máis de 300.000 euros

Pontevedra
18 de xuño 2015

Este mércores, os afectados achegáronse ata os terreos onde ían instalarse os chalés de protección oficial nos que 14 familias investiron arredor de 52.000 euros cada unha

Cooperativistas na parcela de Valdecorvos co portavoz Pedro Mariño á cabeza
Cooperativistas na parcela de Valdecorvos co portavoz Pedro Mariño á cabeza / Mónica Patxot
Os cooperativistas de Valdecorvos explican a súa situación /

O silencio reina en Valdecorvos. Nunha das parcelas desta zona situada nas proximidades de Mourente hai dous anos que terían que estar construídos 14 chalés de protección oficial. Non obstante, en xuño de 2015 o único que hai é unha paraxe verde cun letreiro oficial de Xestur (Xestión do Solo de Galicia) e unha pancarta dos afectados que reclaman o diñeiro investido nestes terreos. A cen metros un cabalo branco aliméntase entre os fentos.

Varios dos cooperativas arremuíñanse nesa zona durante esta tarde do mércores 17. Pedro Mariño é o voceiro e móstrase cauto ante a promesa dos últimos días por parte de Xestur de que se buscará unha solución satisfactoria para todas as partes. "Pero non temos ningunha garantía, ningunha data", afirma Mariño ao indicar que aínda descoñecen en que consistirá esta solución.

En 2010, estes cidadáns entraron nunha cooperativa de vivendas de protección oficial coa intención de que en 2013 eses chalés adosados estivesen construídos. Non obstante, as obras nunca se iniciaron por, entre outras causas, falta de financiamento. Os cooperativistas afirman que eles investiron ata 52.000 euros a través de Xestur na compra dos terreos. Agora reclaman unha cantidade superior a 300.000 euros e o tema foi denunciado ante os tribunais. O 8 de maio aprazouse o xuízo sen que se fixase unha nova data para a vista.

Mariño afirma que "a xente está máis que desesperada" polas dificultades que teñen para chegar co fin de mes, despois de investir os seus aforros nun proxecto que, pasado o tempo, non viu a luz. Ningunha das 14 familias, afirma o voceiro, ten depositadas as súas ilusións nestes terreos e por iso buscaron vivendas noutros puntos "lonxe de aquí". Só queren recuperar os seus cartos.

Iniciaron unha campaña de recollida de firmas en Change e van falar con novas forzas políticas con representación no Concello de Pontevedra. Esperan que Xestur lles cite para ofrecerlles unha solución por escrito que leve consigo a devolución do diñeiro investido. Pola contra, ameazan con incrementar os actos de protesta.

Pola súa banda,a empresa Gescomar afirma que ten intención de continuar con este proxecto para o que están a buscar financiamento.