Os controis policiais reoriéntanse para centrarse nos peches perimetrais e a hostalería

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

As cifras que manexan as Forzas e Corpos de Seguridade evidencian "un alto grao de cumprimento e responsabilidade" da poboación de Pontevedra en relación coas normas establecidas para tentar frear a pandemia da covid-19, pero, pese a todo, sosteñen que é necesario continuar coa labor de control e vixilancia policial

Reunión do Centro de Coordinación Operativa (CECOR)
Reunión do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

As cifras que manexan as Forzas e Corpos de Seguridade evidencian "un alto grao de cumprimento e responsabilidade" da poboación de Pontevedra en relación coas normas establecidas para tentar frear a pandemia da covid-19, pero, pese a todo, sosteñen que é necesario continuar coa labor de control e vixilancia policial, xa que, en palabras da subdelegada do Gobierno en Pontevedra, "estamos a vivir un momento crítico na loita contra o virus".

Neste momento crítico, o Centro de Coordinación (CECOR) provincial acordou reorientar os dispositivos policiais de acordo coas novas medidas aprobadas pola Xunta, de tal maneira que se reforzarán os operativos centrados no correcto cumprimento dos peches perimetrais e na vixilancia do cumprimento da normativa nos locais hostaleiros.

Así o avanzou este xoves Maica Larriba despois de presidir unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial, establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria.

Ademais, aproveitou para facilitar datos da actividade policial e sinalou que entre o 14 e o 19 de xaneiro as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado levaron a cabo na provincia de Pontevedra 689 dispositivos de control e vixilancia nos cales participaron 1.485 efectivos, se identificaron 13.292 persoas, se controlaron 9.279 vehículos, se elevaron 277 propostas de sanción e se realizou unha detención.

A Unidade da Policía Autonómica organizou nesas mesmas datas 110 dispositivos nos que participaron 205 efectivos. Nestes controis identificáronse a 1.311 persoas, controláronse 640 vehículos e impuxéronse un total de 57 sancións.

A subdelegada pediu a toda a poboación de Pontevedra que non baixen a garda e que sigan todas as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias, pois "reducir as cifras de contaxios está nas nosas mans".

A reunión tivo como obxectivo analizar as novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia que entraron en vigor este mesmo xoves, e que implican que na provincia de Pontevedra 38 concellos teñen o máximo nivel de restricións: A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Catoira, Crecente, Cuntis, Forcarei, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia,O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Ao encontro asistiron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Segundo informou Larriba, na reunión tamén se deu conta de que a Garda Civil reforzou nesta última semana a vixilancia nos diferentes pasos fronteirizos da provincia. En total, leváronse a cabo 60 dispositivos móbiles, nos que se identificaron 1.200 persoas, se controlaron 1.025 vehículos e se elevaron 14 sancións. Segundo informaron os responsables da Garda Civil, o fluxo de persoas procedentes de Portugal reduciuse nestes días a niveis case anecdóticos debido ao confinamento domiciliario e os peches perimetrais decretados no país veciño.