Os contaxios por covid baixan do centenar diarios, con 1.990 casos activos

Pontevedra
28 de febreiro 2022

Por primeira xornada en moitas semanas a cifra de novos positivos de coronavirus detectado na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixa do centenar diario con 97 novos positivos detectados. A cifra de hospitalizados na comarca ascende a 78 persoas

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixou este luns 28 de febreiro dos dous milleiros de casos activos de coronavirus, segundo informa o Servizo Galego de Saúde.

No seu balance diario o Sergas cifra en 1.990 as infeccións activas na área pontevedresa, o que supón un descenso de 168 con respecto ao domingo.

A baixada baséase nunha cifra de novos contaxios que, por primeira vez en moitas semanas, baixou do centenar diario con 97 positivos detectados, mentres que se deron 265 altas epidemiolóxicas a pacientes.

No que respecta a a cifra de hospitalizados, son 78 as persoas con covid que permanecen ingresadas na comarca, nove máis que a xornada anterior, das que 3 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e o resto fano en prata repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (66), o Hospital do Salnés (6) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (3).

Desde o inicio da pandemia superaron o virus 55.170 persoas na área sanitaria e rexistráronse 258 falecementos de pacientes con positivo activo.

A nivel autonómico Galicia conta este luns 28 de febreiro con 18.068 casos activos de coronavirus, o que supón 1.700 menos que o domingo.