Aos poucos, os contaxios por covid-19 van crecendo. Nas últimas 24 horas, rexistráronse 20 novos infectados, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Con eles, son 215 os casos activos na área sanitaria de Pontevedra. Son seis máis que onte.
Aumentan tamén os hospitalizados. Se este xoves eran 16, hoxe alcanzan os 20 entre os tres centros hospitalarios da área pontevedresa, é dicir, catro máis que onte.
A maior parte dos ingresados (16) están en sendo atendidos en Montecelo. Un máis está no Hospital do Salnés. Non hai ningún paciente covid, pola súa banda, no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
No caso dos críticos, que están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo, son 3, un máis dos que rexistraba o último balance de Sanidade.
O resto dos que contraeron o virus, outras 195 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 12.329 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 14 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 161 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 180.130, 465 nas últimas horas. Delas, 16 deron positivo (3,44%). A estas probas súmanse as 93.327 seroloxías realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.403, 37 menos que o día anterior. Deles 900 son da área da Coruña, 177 da de Lugo, 150 da de Ourense, 215 da de Pontevedra, 515 da área de Vigo, 270 da de Santiago e 176 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 36 están en UCI, 178 en unidades de hospitalización e 2.189 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 111.628 persoas curadas, rexistrándose 2.331 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.822.834 probas PCR, 5.083 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 95 novos infectados.