Os gobernos locais están a tomar novas medidas enmarcadas en tres bloques centrados no reforzo de seguridade nas rúas, a desinfección de viais, espazos públicos e instalacións municipais e a suspensión de eventos.
Así, Sanxenxo e Ponte Caldelas acordaron desde este luns reforzar o control policial nas rúas para velar polo estrito cumprimento das medidas de illamento e a limitación de mobilidade para frear a expansión do coronavirus.
Controlan que só abran os locais que están permitidos segundo as ordes marcadas polo Goberno de España e que as persoas circulen para adquirir produtos básicos (alimentación e medicamentos) ou para ir a traballar. Tamén están controlando que os cidadáns accedan aos establecementos de xeito cívico e ordenado, para evitar aglomeracións, e que se respeten as distancias de seguridade.
No caso de Ponte Caldelas o Concello quere apoiar a labor e o traballo dos camioneiros e transportistas que garantizan que os comercios de alimentación e as farmacias sigan abastecidos poñendo á súa disposición o Pavillón Municipal de Chan da Barcia para que poidan ducharse e asearse con auga quente. Teñen que chamar ao 985750013 (Leticia- extensión 2) en horario de 09.00 a 14.00 horas para concretar a hora de chegada e un operario abrirá o pavillón para eles.
Outra das medidas acordadas polos gobernos locais de Poio, Sanxenxo e Ponte Caldelas foi que o persoal de limpeza de rúas inicie hoxe mesmo unha profunda desinfección de viais e espazos públicos.
En Sanxenxo, outro dos asuntos abordados foi a suspensión da feira de comercio que cada Semana Santa se organiza con Entretendas na Praza do Mar e a Festa da Raia, celebración prevista para a última fin de semana de abril. Aínda que se espera que nese momento as medidas non sexan tan restritivas, en ningún caso serán recomendables eventos onde se poidan concentrar centos de persoas.
No caso de Moraña, tamén se decretou o peche ao público do consistorio, que quedará atendido por un funcionario en quendas entre o plantel, e determinouse que os veciños deberán de facer as súas xestións telefónica ou telematicamente.
Igual que en Poio que, só nos casos de urxencia, realizará consultas presenciais, previa cita, entre as 9.00 e as 14.00 horas. A atención ao público en persoa só se aplicará en departamentos como Conserxería ou no Rexistro. Precisamente, durante esta mañá os técnicos informáticos celebraron varias reunións co persoal para explicarlles as pautas necesarias para poder acometer o sistema de teletraballo.
Este peche de oficinas é unha medida xeneralizada. Neste senso, a alcaldesa de Marín, María Ramallo lanzou un chamamento á calma para aqueles cidadáns que teñan algún trámite pendente. "Somos conscientes desta situación", asegurou a alcaldesa, que recorda a toda a veciñanza que "se teñen algunha cita pendente, poderán recuperala no futuro, cando remate a vixencia destas medidas".
Nalgúns casos, coma no Concello de Caldas de Reis, habilitouse un servizo especial de atención a persoas maiores dependentes ou que vivan soas. Todo cidadán nesta situación que o precise, sexa o motivo que sexa, pode chamar aos teléfonos 609 829 292 (Policía Local) ou 986 191 958 (Protección Civil) que permanecerán activos as 24 horas.