Os concellos habilitan liñas de cooperación humanitaria con Ucraína e de acollida de refuxiados

Cerdedo-Cotobade
04 de marzo 2022

As liñas aprobadas están en consonancia coas recomendacións da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para organizar a axuda humanitaria e a acollida de refuxiados, e cumprirán cos principios da boa doazón humanitaria

Persoas fuxindo da guerra en Ucraína
Persoas fuxindo da guerra en Ucraína / Unicef

Os concellos da provincia están a habilitar distintas vías de cooperación humanitaria con Ucraína e de acollida de refuxiados. As liñas aprobadas están en consonancia coas recomendacións da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para organizar a axuda humanitaria e a acollida de refuxiados, e cumprirán cos principios da boa doazón humanitaria.

En base ás dificultades que están manifestando as ONGs que se atopan en Ucraína para recibir, almacenar e xestionar a axuda material que se está a enviar dende toda Europa, dado o encrudecemento do conflito bélico e o avance das tropas rusas, o Goberno do Estado vén de remitir unha instrución para canalizar a solidariedade dos españois da forma máis eficaz posible, consello do que da traslado á Fegamp e que fixo ao goberno de Vilagarcía mudar os seus plans iniciais de adquirir material sanitaria e mantas para enviar a Ucraína.

En lugar diso, Ravella aprobará na Xunta de Goberno do luns realizar unha doazón de 10.000 euros a Cruz Roja para que a entidade, que está operando sobre o terreo e coa que o Concello vén anos colaborando a nivel local, a dedique a axudar á poboación ucraína.

O Concello de Vilagarcía xa puxo a disposición das autoridades as dúas vivendas municipais coas que conta e nas que se poderían aloxar 10 persoas. A este respecto, o Concello habilita a conta de correo electrónico alcaldia@vilagarcia.gal para que as persoas que desexen poñer a disposición das autoridades inmobles para a acollida de refuxiados o comuniquen debidamente, a efectos de facer os correspondentes listados.

Dende Servizos Sociais do Concello apuntan que nestes últimos días foron moitísimas as chamadas realizadas ao Concello por parte de particulares e empresas da cidade ofrecéndose a doar distinto tipo de material humanitario para facelo chegar ao pobo ucraíno. Ademais de agradecer estas mostras de solidariedade, dende a administración local recoméndase seguir as instrucións que están a dar as autoridades competentes para garantir que toda esta axuda chegue e sexa realmente efectiva.

No caso de doazón de roupa, alimentos ou medicinas, remítense ao comunicado da Fegamp que recomenda que, polo momento se faga provisión e se reserve, co obxectivo de destinado a atender as necesidades dos ucraínos que sexan acollidos na nosa comunidade. A maiores, ás persoas ou empresas que desexen colaborar coa poboación ucraína que permanece no seu país, prégaselles que o fagan mediante doazóns en metálico ás entidades internacionais que están despregadas no país e traballando na atención á poboación civil. 

CALDAS DE REIS

Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, aprobou diversas liñas de cooperación con Ucraína para canalizar a solidariedade da cidadanía caldense coa poboación dese país. 

En primeiro lugar, o alcalde ordenou a apertura dunha conta bancaria para canalizar as achegas económicas que desexe realizar a veciñanza e as empresas caldenses, ingresos que serán transferidos de forma inmediata a entidades e organizacións humanitarias especializadas que xa están traballando na zona de conflito e que canalizan a cooperación con Ucraína nestes momentos. Estas achegas servirán para realizar compras dos produtos necesarios de axuda humanitaria para a poboación afectada polo ataque ruso. O propio Concello realizará unha achega económica con este fin. A conta estará operativa a principios da próxima semana.

Por outro lado, a través do Departamento de Benestar Social, o Concello abre un listado de persoas que estean dispostas a acoller nos seus domicilios a familias e nenos ucraínos obrigadas a fuxir do seu país por mor da guerra. A acollida dos refuxiados será canalizada a través da Fegamp. O propio Concello colaborará con estas familias na acollida de refuxiados ucraínos.

CERDEDO-COTOBADE

Tamén o Concello de Cerdedo-Cotobade puxo a disposición da Fegamp un total de 8 locais sociais ubicados no termo municipal para poder albergar a familias de refuxiados procedentes de Ucraína e que poidan chegar a Galicia nos vindeiros días.

O alcalde, Jorge Cubela indicou que o seu Concello tamén está atendendo chamadas telefónicas e recollendo datos daquelas persoas e empresas que se están ofrecendo para enviar axuda humanitaria a Ucraína e no momento en que se consolide o sistema de coordinación coa Fegamp procederase á recollida desas axudas que se están a ofrecer.

 

Arquivado en