Os concellos do Plan Revitaliza piden axudas á Deputación para contratar mestres composteiros

Ponte Caldelas
15 de xaneiro 2020

O BOPPO publica este mércores as bases para crear unha nova bolsa de emprego a través dun proceso selectivo de concurso-oposición

Exame para ser mestre composteiro
Exame para ser mestre composteiro / Deputación de Pontevedra

Catorce dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza veñen de solicitar axudas á Deputación para contratar quince mestres composteiros que se fagan cargo dos centros de compostaxe e do control dos composteiros individuais repartidos nos municipios.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, as subvencións, que se concederán unha vez supervisadas as solicitudes polo persoal técnico provincial, "permitirán consolidar a compostaxe na provincia dunha maneira tecnificada e profesional" e axudar así aos concellos a cumplir os obxectivos de xestión de lixo marcados pola Unión Europea.

Os concellos interesados en dispor de persoal propio para levar adiante o seu plan de compostaxe foron Vilaboa (que solicita dúas prazas), A Guarda, Illa de Arousa, As Neves, Bueu, Cangas, Gondomar, Mancomunidade do Morrazo, Mondariz, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Tui, e Valga (que solicitan subvención para unha praza).

A Xunta de Goberno aprobou o pasado ano unha partida para facer fronte ao custe. Trátase da segunda vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para a contratación de trece postos técnicos.

A previsión é que as quince novas prazas se cubran con persoal preparado en compostaxe, chamando en primeiro lugar ás persoas que forman parte da vixente bolsa de emprego mais, simultáneamente, acábase de abrir un novo proceso selectivo por parte da Deputación para crear outra nova bolsa que dea satisfacción ás necesidades.