Os concellos da provincia solicitan máis de mil lombos á Deputación

Pontevedra
06 de febreiro 2016

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou este venres que 43 gobernos locais de Pontevedra solicitaron a instalación de zonas 30, e redutores de velocidade nos seus municipios

Lombos en Pontevedra
Lombos en Pontevedra /

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou este venres que 43 gobernos locais de Pontevedra solicitaron a instalación de zonas 30, e redutores de velocidade nos seus municipios.

"Temos peticións de máis de mil lombos", dixo Mosquera, quen sinalou que "hai problemas históricos de seguranza viaria que se van resolver grazas a este plan".

O Plan MOVESE foi posto en marcha a medidados de xaneiro polo deputado de Mobilidade Uxío Benítez. Déuselle de prazo aos concellos ata o 1 de febreiro para presentar as súas necesidades e a resposta foi "contundente e inmediata".

Grazas a esta actuación poderanse analizar as necesidades principais e priorizar unha actuación coordinada, xa que en anteriores mandatos provinciais as peticións dos concellos chegaban de forma descoordinada á Presidencia da Deputación, aos vicepresidentes e deputados e aos propios servizos técnicos de forma non sistematizada.

A partir de agora, o departamento provincial de Mobilidade analizará as solicitudes presentadas e se se cinguen ás actuacións propostas para o calmado do tráfico.

Unha vez feito o análise técnico e logo dunha visita dos técnicos provinciais a cada zona para establecer cales son as actuacións máis acaídas en cada estrada procederase á licitación e executación das melloras de seguranza viaria. Darase prioridade ás actuacións en contornos de colexios ou núcleos de centralidade.

A rede de estradas provinciais está formada por 377 vías cunha lonxitude total de 1.700 quilómetros, supón unha trama de vías secundarias, non de alta capacidade, que na súa maioría cruzan núcleos de poboación ou pasan por zonas cun tránsito peonil importante.