Poio, Barro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas, Vilaboa e Campo Lameiro incorporarán estes días 73 traballadores aos seus equipos ao abeiro do Plan de Emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Permitirá a contratación duns 800 traballadores desempregados na provincia, cun investimento que supera os 3 millóns de euros, 305.277 euros na comarca de Pontevedra.
O Concello de Poio será o que reciba máis subvención, 62.728,20 euros para a contratación de 15 operarios municipais. Barro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas e Vilaboa disporán de 41.818,80 euros e 10 traballadores cada un. Campo Lameiro, que na última actualización censal baixou dos 2.000 habitantes, recibirá da Deputación 33.455,04 euros para a contratación de 8 operarios.
Os novos traballadores terán a categoría de peón, operario ou axudante e irán destinados a realizar labores prioritarias nos concellos entre os que se inclúen labores de recuperación e adecuación de viais, parques, xardíns e outros espazos públicos, así como de edificios e de servizos; ou execución de pequenas obras de reparación.
Os contratos serán a tempo parcial, cunha duración de 25 horas semanais e por un período de seis meses.