A presidenta da Comisión de Cultura, Carmen Fouces, presentou na reunión deste luns unha proposta sobre o nomeamento das rúas da cidade, para que fora valorado polos seus membros co compromiso de levar a vindeira reunión unha proposta máis pechada para traballar sobre ela.
A proposta é manter as liñas de traballo da comisión para nomear as rúas: "galeguización e toponimía", como se viña facendo até o de agora, e incluír a de "feminización", para tratar de facer visibles no rueiro da cidade ás mulleres de Pontevedra.
Carmen Fouces lembrou que o listado de mulleres xa foi tratado no pleno, polo que a presidenta fixo xa a primeira proposta na comisión: cambiar o nome da rúa Fernández Ladreda por María Victoria Moreno, como primeiro paso desta xeira.
PAZO DE MEIRÁS
A Comisión de Cultura abordou ademais este luns dúas mocións, unha do grupo municipal do BNG e outra de Marea, coa mesma temática: o pazo de Meirás. Os grupos acordaron reunirse para tratar de levar unha moción única ao pleno municipal do venres 15 de setembro.
As dúas mocións foron ditaminadas a favor cos votos de BNG, PSOE e Marea e a abstención de PP e Cidadáns.