Na asemblea da Comunidade de Montes de Salcedo celebrada este sábado coa participación de 145 comuneiros dun censo de 198, aprobouse elaborar o proxecto do Parque Etnográfico Arqueolígico de San Martiño de Salcedo.
A Xunta Reitora propuxo á asemblea a conveniencia de contemplar máis variedades de uso do monte. Trataríase de compatibilizar as accións encamiñadas á recuperación e posta en valor do patrimonio comunal, con iniciativas económicas viables, socialmente útiles e que permitan a creación de emprego.
Unha destas ideas executadas foi o Proxecto Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que Salcedo promove conxuntamente con Lourizán e San Xulián.
Outra actuación con data de execución e orzamento, é o proxecto de Recuperación da Orografía e da Paisaxe do Campo de Tiro e a área Recreativa.
A nova proposta aprobada, xorde da idea de complementar o importante patrimonio arqueolóxico-etnográfico existente e os traballos de restauración e posta en valor na zona que creación deste parque, que estaría circundado polos petróglifos do Campo de Tiro e Outeiro da Mina, as mámoas de Louredo e Chan da Lagoa e as rutas de carreiros, Salcedo no Tempo e Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Este proxecto que se executará por fases, iniciaríase que construción dunha aldea neolítica, para posteriormente engadir un centro de interpretación e outros elementos, os que posiblemente utilizaron os habitantes desa época asentados nesa zona.
Na asemblea proxectouse un esbozo do proxecto que foi aprobado con só con tres votos en contra.
INFORME DE XESTIÓN
A asemblea tamén aprobou o Informe de Xestión da Xunta Reitora onde se restauraron, repoboaron e puxeron en valor unha superficie de 37 hectáreas de terreo e patrimonio comunal, cun investimento de 159.932,49 euros que supuxo o 70 % dos ingresos do período 2015 - 2016.
A data de hoxe, isto supón a recuperación e posta en valor de 110 hectáreas de monte comunal coa plantación de 30.000 árbores.
CAMPO DE TIRO DA BRILAT
Tamén se informou á asemblea que a BRILAT ten previsto neste mes de novembro, o traslado das manobras de tiro o novo campo, deixando totalmente libre de manobras militares toda a superficie de terreo comunal non alugada a Defensa. Salcedo ten o compromiso de Defensa de que o Ministerio devolverá o terreo ao seu estado orixinal.
Ademais aprobouse a solicitude de cesión de uso gratuíta ao Concello de Pontevedra dunha parcela de 2.135 metros cadrados no monte comunal do Castro no lugar de Cabanas para a instalación dun campo de xogos tradicionais na parroquia de Salcedo.