A Organización galega de Comunidades de Montes denuncia que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas de diverso índole (Ence, forestais, madeireiras, eólicas, mineiras…) poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais.
O presidente desta organización, Xosé Pereira, compareceu este xoves en rolda de prensa en Pontevedra para dar conta da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que impulsan para "parar o roubo dos montes veciñais en man común". Neste senso, un dos puntos principais da ILP é reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, considerando a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciño comuneiro.
Tamén buscan que se recoñeza o monte veciñal como unha titularidade distinta, pero en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. Outra reivindicación que recolle a iniciativa lexislativa é a declaración dos montes veciñais como unha figura de protección medio ambiental e cultural en si mesma.
As comunidades de montes galegas integradas nesta Organización están a recabar sinaturas para avalar a ILP rexistrada no Parlamento galego e piden o apoio da cidadanía para acadar unha lei que protexa os montes comunais galegos do expolio da industria madeireira.
Non o van a ter fácil pois, segundo explica Xosé Pereira, "a Consellería de Medio Rural pretende ilegalizar a súa organización e desarticular así a oposición ao plan do Partido Popular para entregar o monte comunal ás empresas madereiras". Afirma que a Xunta négase agora a certificar a composición da xunta directiva da ORGACCMM argüindo que non a considera unha comunidade de montes e que ademais non ten dereito de representación das comunidades de montes que a conforman.
Estes comuneiros apuntan a unha represalia da Consellería polas reiteradas denuncias da súa organización ante as últimas reformas lexislativas levadas a cabo pola Xunta para permitir a confiscación e privatización do monte comunal.