A Comunidade de Montes do Salgueiral acordou persoarse na investigación policial e nas dilixencias que se levan a cabo de investigación polo lume que sufriu este verán o monte veciñal.
Foi un dos acordos adoptados este domingo 18 de setembro na Asemblea Xeral da Comunidade de Montes do Salgueiral que tivo a participación máis alta que se recorda de comuneiros. A Xunta Rectora presentou unha batería de accións a realizar logo deste inesperado lume que arrasou parte do monte veciñal dez anos despois do incendio devastador do 2006.
O lume afectou a case setenta hectáreas das cales máis de coarenta corresponden a monte veciñal e as restantes a propiedades particulares. Especial importancia polo seu valor medioambiental e paisaxístico supoñen a perda total dun rodal de preto de 10 hectáreas nas marxes do río Almofrei nas cales levouse a cabo nestes anos, coa colaboración do programa MonteVivo do Concello de Pontevedra, a substitución do eucalipto por especies de ribeira. Tamén resultaron afectados 3 km de carreiro da Senda do Almofrei que esta comunidade de montes inaugurou no ano 2010.
Ademáis de persoarse nas dilixencias xudiciais abertas, a asamblea acordou solicitar as administracións públicas colaboración nas actuacións urxentes de protección do solo queimado e restauración das zonas afectadas polo lume.
Tamén elaborarán un completo informe de danos e prexuízos causados polo lume e porán en marcha un Plan de Acción Comunitaria para apoio aos propietarios particulares de fincas forestais na restauración ambiental das mesmas.
Este Plan de acción comezará con ofrecer asesoramento técnico aos veciños do Salgueiral e permitirá coñecer a realidade da propiedade particular "tan afastada da que recolle o Catastro", segundo valoraron. Do mesmo xeito permitirá desenvolver as súas posibilidades de aproveitamento de forma conxunta. Comezarase coas zonas queimadas e as máis próximas as vivendas e núcleos habitados. Recompilarase a documentación das fincas, grafarase a súa realidade xeográfica e realizarase unha enquisa aos donos dos predios para coñecer os seus usos pasados e o interese do dono en novos aproveitamentos.
Unha segunda fase será a planificación de actuacións e finalmente, a súa posta en marcha.