O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, e o presidente da comunidade de montes de Santomé de Piñeiro, Daniel Rosales, visitaron este martes o Parque de Lagocheiras, un espazo que nace da colaboración entre o Concello de Marín e esta comunidade de montes, xunto coa Deputación de Pontevedra.
Co obxectivo de crear esta nova área forestal, acometéronse unha serie de traballos nunha superficie de 11,29 hectáreas na que a frondosa representa máis do 75% da superficie de actuación formada por carballos, castiñeiros e bidueiros acompañados por coniferas principalmente na zona mais alta do monte.
O modelo do parque baséase en modelos de sostenibilidade e multifuncionalidade.
O obxectivo que persigue esta actuación é a creación dun espazo de recreo e esparexemento público, sen esquecer a importante función de prevención contra os incendios forestais e a protección do patrimonio, xa que o parque forestal alberga varias mámoas da era neolítica, protexidas e catalogadas pola Consellería de Cultura e Turismo, así como polo Concello de Marín.
Os traballos acometidos no parque forestal nesta primeira fase situanse na zona que vai dende Gagan ata Lagocheiras e ditos traballos consistiron en clareo de frondosas, poda alta de frondosas e coníferas, trituración de restos do clareo e da poda por medio dun tractor, desbroce manual da matogueira, eliminación mediante tratamento fitocida de especies invasoras e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico mediante o desbroce manual no ámbito de protección das mámoas, a eliminación de arbolado en dito ámbito de protección e o peche perimetral cun valado de madeira.
Todos os traballos no ámbito de proteción do patrimonio arqueolóxico foron supervisados por un arqueólogo.
O orzamento total do proxecto ascendeu a 38.591 euros, dos cales a Deputación achegou 21.915 euros e o Concello, 16.676 euros.