A Comunidade de Montes de San Xulian, en Marín, decidiu financiar con fondos propios o arranxo dun carreiro peonil no lugar de Coirados-A Roza.
A obra responde á petición realizada pola plataforma veciñal de Macenlle e a xunta directiva dos comuneiros decidiu asumila integramente, cun investimento de 8.833 euros.
A actuación consistiu na escavación e nivelado do carreiro que comunica Coirados coa Roza con maquinaria adecuada e tamén a dotación de servizos.
Así, procedeuse á subministración e colocación dunha tubaxe de PVC para a canalización de augas pluviais, a instalación dunha arqueta, a subministración e colocación da capa de formigón e a realización dunha laxa de formigón que foi utilizada como elemento estrutural na construción.
Os comuneiros destacan que esta obra súmase a outras realizadas nos últimos meses en beneficio dos comuneiros e dos veciños da parroquia de San Xulián.
Desde a xunta directiva lémbrase que están ao dispor de todos os interesados en resolver calquera dúbida ou pregunta que teñan os venres pola tarde na oficina da Comunidade de Montes, situada na Casa de Cultura.