Oito comunidades de montes de Pontevedra denunciaron ante a Fiscalía ao Concello de Pontevedra pola reiteración da cobranza do IBI en terreos comunais. Trátase das comunidades de Mourente, Canicouva, Salcedo, Verducido, Santo André de Xeve, Campañó, Lourizán e Lérez e refírense neste caso a recibos emitidos durante o pasado ano 2023, aínda que esta fronte prolóngase desde hai dúas décadas.
Estas entidades comunais xa teñen feito uso da vía de contencioso-administrativa en ocasións anteriores, pero denuncian por primeira vez ante a Fiscalía polo "hartazgo" e as consecuencias que está a carrexar o proceder do Concello pontevedrés. "Queremos unha solución, polas boas ou polas malas e recorreremos ao Valedor do Pobo se é necesario", apuntaban á entrada das dependencias xudiciais da Parda.
Cuestionan que cando se iniciou esta situación, entre 2002 e 2004, a cancelación das cobranzas estaban a resolverse a través de resolucións de alcaldía, pero logo xa deixou de facelo. Co tempo fixeron uso da vía xudicial polo contencioso administrativo que lles dá a razón aos comuneiros "pero o servizo tributario do Concello, non. Como é posible? iso rolda a prevaricación, aínda que non queremos facer uso desa palabra, pero é que está a facer unha interpretación torticera dun criterio tributario sabendo que non é así".
Entre estas comunidades de montes, a de Mourente atopouse o ano pasado coa reclamación por IBI de máis de 116.000 euros polo edificio do Hospital Montecelo, un terreo do que son titulares pero cuxo uso está cedido ao Sergas.
"Queriamos solucionar a situación e solicitamos unha reunión cos respectivos servizos xurídicos pero non se produciu aínda. Inicialmente había disposición pero logo houbo cambio e o Concello di que están a aplicar criterios correctamente", explica Carlos Morgade, presidente da comunidade de montes desta parroquia.
Esta tesitura tan prolongada no tempo está a ocasionarlles prexuízos económicos ás comunidades de montes porque "os recursos están a custar desde centos ata máis de mil euros. É un diñeiro que debería destinarse ao coidado do monte, pero como resulta que en ocasións é máis elevado recorrer que asumir o pago, fíxose, pero non pode ser así".
No caso de Mourente a situación chega ao momento de que "nos ameazan cun embargo, acábannos de avisar hai poucos días que se non pagamos os 116.000 euros embárgannos a conta, estamos de coña? porque xa son palabras maiores".