Os VII Premios 'Sanxenxo na Historia', concedidos con motivo das VII Xornadas de Historia, Cultura e Tradicións Populares, recoñecerán esta ano, no ámbito de labor social, á Comunidade de Montes de Noalla e, no apartado cultural, ao grupo folclórico Os Cruceiros de Vilalonga. Ademais, o Premio de Honra recae en Jesús Leiro, en recoñecemento ás múltiples viaxes realizadas, facendo máis de 35.000 millas en solitario polos mares máis difíciles da terra.
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, presentou este venres as VII Xornadas de Historia, Cultura e Tradicións Populares acompañado por Rafael Fontoira, Ana Cancela e Marcelino Agís, organizadores da actividade e directivos do Seminario de Estudos Locais.
As xornadas, que se desenvolverán na Sede Náutica de Abanca no Porto Deportivo do 17 ao 19 agosto, comezarán cunha mesa redonda co título de 'Historia e Crónica Xornalística', na que participarán Fernando Branco, que falará sobre o seu libro 'Los Hidalgos de Noalla' e Ana Cancela, directora do Seminario de Estudos Locais, que analizará a estrutura dun xornal local, El Sol de Sanxenxo, editado entre 1989 e 1991. Esta publicación recolleu, por exemplo, os proxectos estrela para Silgar, como unha fonte luminosa xigante, unha sirena como a de Copenhague para O Cubreiro, ou a remodelación do paseo de Silgar con estrada subterránea incluída.
O xoves día 18 terá lugar outra mesa redonda, esta vez sobre 'Arquitectura e Patrimonio', coa intervención de Alberta Lorenzo, doutora en arquitectura, que mostrará en imaxes e debuxos os cruceiros de Portonovo, ademais de analizar a súa estrutura arquitectónica e artística e a súa localización; e de Rafael Fontoira, arquitecto e sudirector do Seminario de Estudos Locais, que presentará a súa análise arquitectónica e histórica da capela da Lanzada.
O día 19 haberá unha charla sobre a Historia da Madama, que contará coa intervención de José Luis Rodríguez, exalcalde de Sanxenxo, que achegará diferente documentación e datos sobre esta emblemática escultura. Rafael Fontoira presentará ademais o seu libro sobre 'Alfonso Vilar Lamelas, escultor' e estará presente tamén Marcelino Agís, prologuista do libro e presidente de Galicia Milenio.
A xornada clausurarase coa entrega dos VII Premios 'Sanxenxo na Historia'.