A Comunidade de Montes de Mourente aprobou este domingo en asemblea e por unanimidade dos asistentes o acordo de cesión á Consellería de Sanidade dos terreos que ocupa o actual Hospital de Montecelo.
O acordo aínda debe ser referendado polo goberno autonómico a través do Consello da Xunta, coa previsión de que isto suceda en poucas semanas, establecendo un canon anual de 23.583,60 euros a razón de 0,60 euros por metro cadrado máis IVE.
Esta cantidade actualizarase anualmente coa subida do IPC e deberá ser abonada no primeiro trimestre do ano.
Os comuneiros aprobaron esta cesión, indefinida no tempo, sempre que se cumpran varias condicións como que o destino permanente dos terreos sexa o funcionamento do hospital público de referencia na Área Sanitaria de Pontevera e O Salnés, e que a xestión do hospital se manteña como "pública, directa e integral". Ademais a Xunta quedará facultada para realizar calquera tipo de obra nas instalacións ou melloras.
"No suposto que o uso dos terreos non cumpra as anteriores condicións ou se destinen a fin distinto do establecido nelas, quedará extinguida a cesión de uso e a Comunidade de Montes de Mourente recuperará automaticamente, sen necesidade de requirimento previo, a plena posesión, libre de cargas e gravames, do terreos obxecto da cesión, así como a propiedade de todas as obras ou construcións que houbera nesa data sobre eles, sen que a Comunidade de Montes teña que satisfacer indemnización algunha", explican os comuneiros.