Os comuneiros de Mourente acusan ao Sergas de actuar como un "okupa" nos terreos veciñais

Pontevedra
22 de marzo 2021

Os comuneiros de Mourente reclaman á Xunta a resolución inmediata das negociacións sobre os terreos de Montecelo e advirten de mobilizacións no inicio das obras de ampliación do hospital

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

A Comunidade de Montes de Mourente acaba de presentar un escrito perante a Consellaría de Sanidade no que reclama a celebración dunha reunión urxente para a resolución das negociacións sobre os terreos do Hospital Montecelo.

Este escrito se presenta cando xa leva transcorrido máis dun ano desde que a administración sanitaria quedara en darlle unha resposta á proposta da Comunidade de Mourente do establecemento dun canon para regularizar a situación dos terreos nos que se asenta o Hospital e cando están a punto de iniciarse as obras de ampliación do mesmo.

No seu escrito, a Comunidade de Montes de Mourente recórdalle á Xunta de Galicia que representantes da Consellaría de Sanidade mantiveron o 11 de febreiro de 2020 unha reunión en Santiago coa Xunta Reitora da Comunidade na que expresaron que estaban dispostos a escoitar as condicións dunha posible cesión de uso se incluían a necesaria garantía xurídica que dese cobertura ás obras de renovación do actual Hospital. 

Os representantes dos comuneiros adiantaron unha oferta provisional que foi cualificada de "aceptable e interesante" polos representantes da Consellaría e comprometéronse a dar resposta en poucos días. Desde aquela, segundos os comuneiros, "a Xunta de Galicia foi poñendo escusas para non dar contestación á proposta da Comunidade de Mourente, primeiramente aducindo o estado de alarma pola pandemia e actualmente adiando indefinidamente un posible contacto".

A Comunidade de Montes de Mourente lamenta a "falta de interese" da Xunta de Galicia polo avance da negociación para regularizar esta situación, "cando leva case tres anos actuando como un ‘okupa’ por ocupar terreos comunais para os cales non ten título nin autorización", posto que a sentenza firme do Tribunal Supremo que declara veciñais os terreos é do ano 2018. 

Esta Comunidad de Montes entende que "a Consellaría de Sanidade utilizou a pandemia como escusa para seguir ocupando os terreos de xeito irregular, mentres avanzaba o proceso para a construción do Gran Montecelo sen que dese á Comunidade de Montes de Mourente a resposta á que se comprometeu en febreiro de 2020".

A licitación das obras do Gran Montecelo, o anuncio do inicio das obras no vindeiro mes de maio e o anuncio publicado recentemente no DOG para o inicio da expropiación dos novos accesos ao Hospital indican que o proxecto para a construción do Gran Montecelo segue os procedementos correspondentes sen verse afectado pola pandemia. 

Por todo isto a Comunidade de Montes se sinte "burlada e desprezada" e acusa á Xunta de Galicia de "non ter vontade real de negociación e advirte que a súa paciencia está esgotada".

Deste xeito, afirma que "de non obter resposta nos próximos días a esta última oportunidade de negociación", a Comunidade de Montes de Mourente advirte que está disposta a acudir aos tribunais para reclamar da Xunta de Galicia a regularización desta situación e estudia mobilizacións no inicio das obras de construción do Gran Montecelo, previstas para o vindeiro mes de maio.