A Comunidade de Montes de Marcón decidiu este domingo dar o seu apoio á plataforma Salvemos a Fracha nas súas reivindicacións en contra do proxecto da autovía A-57. No transcurso da asemblea xeral da comunidade celebrada pola mañá na casa parroquial, os comuneiros votaron e decidiron respaldar a loita que manteñen os veciños da plataforma para pedir a paralización do proxecto.
Todos os comuneiros presentes na asemblea agás un deron o seu apoio á plataforma, de tal maneira que na actualidade todas as comunidades de montes afectadas polo trazado do primeiro tramo da A-57, que transcorre entre A Ermida (Marcón) e Vilaboa manifestaron xa o seu rexeitamento ao proxecto. Nos últimos meses xa se posicionaran en contra da autovía os comuneiros de Tomeza (no Concello de Pontevedra) e Bértola, Figueirido e Vilaboa (no Concello de Vilaboa) e a Mancomunidade de Montes de Pontevedra.
Os comuneiros de Marcón amosaron a súa preocupación polo impacto da autovía na Serra da Fracha, onde, entre outras afeccións, según trasladaron os voceiros desta plataforma "suporá a construción de taludes en desmonte de ata 60 metros de alto en boa parte do seu percorrido (a altura dun edificio de 17 plantas) e unha glorieta prevista no lugar de A Ermida de máis de 120 metros de diámetro (case o dobre da praza de touros de Pontevedra)".
Outra das preocupacións que comparten os comuneiros e Salvemos a Fracha é o impacto da infraestrutura nos acuíferos e minas da Fracha, "dos que depende o abastecemento de auga de practicamente todo Marcón e Tomeza", tanto os de consumo humano como os empregados nos regadíos. O Ministerio de Fomento recoñece afección en sete mananciais, pero un estudo técnico da plataforma recoñece preto de 60.