Os comuneiros de Combarro pedirán no Pleno poder xestionar a Illa de Tambo

Poio
02 de maio 2014

A Comunidade de Montes Rega do Agros pretende presentar ante o Pleno Municipal unha moción para que a corporación solicite ao Estado a cesión da illa situada na ría de Pontevedra

IIla de Tambo
IIla de Tambo

A Comunidade de Montes Rega do Agros de Combarro, presidida por Claudio Quintillán, presentará ante o Pleno Municipal de Poio unha moción para debater sobre a titularidade da Illa de Tambo.

A intención dos comuneiros é que a corporación sele un acordo que solicite "a cesión da titularidade da Illa de Tambo como enclave de especial interese para o Concello".

Segundo indica o propio Quintillán nun escrito dirixido ao alcalde, "ningunha entidade pública manifestou o seu interese en poder levar a cabo a xestión da Illa" 12 anos despois de que Defensa decidise proceder á súa desafección de uso militar.

O representante dos comuneiros sinala ademais que dende que en 2012 a Comunidade de Montes procedera a realizar labores de limpeza e roza para realizar alí unha romaxe, a illa presenta "un elevado grao de abandono e deterioro", posto que a Escola Naval, entidade que tutela os terreos actualmente, só realiza labores de vixilancia.

Por ese motivo pretenden facerse cargo da súa xestión como parte do monte comunal de Combarro, petición que xa plasmaron nun escrito presentado no Rexistro Municipal e remitido aos grupos políticos con representación en Poio.

A intención dos comuneiros é que a moción se poida debater no próximo Pleno, o do presente mes de maio.

Arquivado en