Os comuneiros de Campañó ceden terreos ao Concello para un novo campo de fútbol

Pontevedra
15 de xaneiro 2018

O actual campo de fútbol de Campañó, situado xunto ao futuro parque forestal da Tomba, converterase moi pronto nunha instalación deportiva de última xeración. Forma parte da rede de campos de herba sintética que o Concello de Pontevedra impulsa por todo o municipio. Para afrontar a obra, o goberno municipal farase cargo dos terreos

Proxecto do novo campo de fútbol de Campañó
Proxecto do novo campo de fútbol de Campañó / Concello de Pontevedra

O actual campo de fútbol de Campañó, situado xunto ao futuro parque forestal da Tomba, converterase moi pronto nunha instalación deportiva de última xeración. Forma parte da rede de campos de herba sintética que o Concello de Pontevedra impulsa por todo o municipio. Para afrontar a obra, o goberno municipal farase cargo dos terreos.

A comunidade de montes de Campañó aceptou ceder ao Concello a parcela que ocupa, de 10.920 metros cadrados. A cesión será por 30 anos prorrogable por 30 máis.

Será, segundo Raimundo González, un campo que contará cunhas medidas de 95x53 metros no seu terreo de xogo, aproveitando ata o límite do terreo e permitindo que se disputen simultaneamente dous partidos de fútbol 7. Ademais está previsto construír catro vestiarios para os equipos, dous para os árbitros, bancada, aseos, cantina, enfermería e almacén.

O campo conta cun orzamento inicial de 999.437 euros que será financiado integramente pola Deputación de Pontevedra. Será mediante un convenio no que se incluirá tamén o novo campo de Ponte Sampaio, cuxo custo alcanzará os 1.397.120 euros ao asumir a derriba das instalacións actuais con cargo a este contrato.

Ademais, a zona da Xunqueira onde se situará o novo campo terá que ser reforzada xa que a súa base actual é moi débil, polo que haberá que escavar a zona e enchela de novo.

A intención do Concello é asinar o convenio coa Deputación antes de que termine o actual mes de xaneiro, de forma que se poida licitar a construción destes dous campos ao longo do mes de febreiro.

Terán un prazo de execución duns oito meses, polo que o goberno municipal espera que poidan ser utilizados antes de que finalice 2018.