Os comuneiros confirman ao conselleiro de Sanidade que aceptan a ampliación dun Montecelo "público"

Pontevedra
03 de maio 2016

Jesús Vázquez Almuíña mantivo durante a tarde deste luns xuntanzas no Hospital de Montecelo cos comuneiros de Mourente, con representantes da Xunta de Persoal e cos profesionais da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés para coñecer as demandas destes colectivos

Xuntanza do persoal sanitario co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña
Xuntanza do persoal sanitario co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña / Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés

Os comuneiros de Mourente trasladaron ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a súa intención de chegar a un acordo co SERGAS, que permita a continuidade das actuais instalacións do Hospital Montecelo na terreos propiedade dos comuneiros, segundo a última sentenza xudicial que aínda pode ser recorrida. Carlos Morgade, presidente da Comunidade de Montes, trasladou ao conselleiro que están a favor de que se amplíe o edificio do hospital a condición de que os investimentos e a xestión sexan públicos.

Os comuneiros esperan que finalmente a sentenza que lles recoñece a propiedade do monte ocupado polas instalacións sanitarias sexa firme e a partir dese momento establecerán unhas condicións á Consellería que, en todo caso, afirman que non serán excesivas. Vázquez Almuíña explicoulles os plans de ampliación previstos para Montecelo.

O conselleiro mantivo tamén reunións cos sindicatos da Xunta de Persoal e co persoal sanitario para informarlles do novo proxecto que levaría a ampliación do hospital cara aos terreos que se atopan detrás do edificio actual. Como xa avanzara, Vázquez Almuíña confirmou que se trasladarán todas as especialidades que agora mesmo atópanse na Casa do Mar e crearase un novo aparcadoiro.

Pola súa banda, Comisións Obreiras emitiu un comunicado aplaudindo a decisión do SERGAS de aparcar o proxecto de creación dun novo hospital en Monte Carrasco pero alertan de que non se fían das promesas e que permanecerán pendentes das actuacións por parte da Consellería de Sanidade para evitar "todas as tropelías que vostedes están a facer co fin de deteriorar a sanidade pública".

Arquivado en