Un día despois de coñecerse que o Concello comprará 300 módulos de compostaxe para completar o sistema nos barrios de Campolongo e Monte Porreiro, o goberno municipal avanzou que estes centros de reciclaxe da materia orgánica darán servizo a máis de 8.000 veciños destas dúas áreas urbanas.
Un avance do estudo de residuos de Pontevedra que está a elaborar a Deputación, no marco do Plan Revitaliza, e que marcará as liñas de actuación do novo sistema de tratamento e recollida dos residuos no concello, recolle o ámbito da implantación do novo sistema.
En Monte Porreiro, o ámbito é todo o barrio. O estudo contabiliza un total de 2.160 vivendas nas que residen unhas 4.600 persoas. O total de residuos por tonelada que produce o barrio é de 1.776,80 toneladas cada ano, repartidas do seguinte xeito: materia orgánica (746,25), papel (319,82), envases (266,52), vidro (106,61) e outros (337,59).
Aínda que o número de centros de compostaxe comunitaria estaría por concretar, no estudo inicial a Monte Porreiro se lle asignan uns 37, incluíndo os xa existentes.
Esta cifra poderá variar porque nos primeiros datos se esperaba que o compost tivese seis meses de tratamento e a realidade amosa que se reduce a tres meses. Esto implicará que se poidan reducir o número de centros de compostaxe, ou ben de módulos en cada un deles.
No barrio de Campolongo, o ámbito está delimitado polas rúas avenida de Vigo, Fernández Ladreda, Alfonso X O Sabio, Travesía de Luís Braille, Eduardo Blanco Amor, Xeneral Rubín e Augusto González Besada, praza de Galicia e Andrés Mellado.
Neste barrio estarían contabilizadas 1.694 vivendas cuns 3.500 veciños. Segundo o estudo, os residuos que xera o barrio son 1.351 toneladas cada ano, repartidas do seguinte xeito: materia orgánica (567,47), papel (243,20), envases (202,67), vidro (81,07) e outros (256,71).
Neste avance do estudo recóllense 42 centros, pero esta cifra poderá variar ao reducirse o tempo de maduración do compost, a tres meses.
Mentres se avanza no proceso de contratación dos novos composteiros, tamén avanzan as obras para a instalación de novos centros na rúa Grecia, onde xa está rematada a base, e está en obras o do campus da Xunqueira. Prevese que as obras para instalar os composteiros na Brilat comezarán logo do Nadal.