Os comités de empresa da fábrica e as oficinas centrais de Ence en Pontevedra desvinculáronse este martes das pintadas ameazantes que apareceron nas últimas horas nas inmediacións do domicilio de Carme da Silva e lamentaron que os autores deses actos vandálicos utilicen o seu 'lazo solidario'.
Ambos os comités fixeron público un comunicado no que mostra a súa condena "rotunda" ás pintadas, nas que aparece a mensaxe 'Atenta', unha diana e un lazo verde, xusto á beira dunha pintada anterior co nome de Dasilva, concelleira en Pontevedra e cabeza de lista do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia para as eleccións xerais do próximo 28 de abril.
"Lamentamos que se utilice o noso lazo solidario para ensombrecer a nosa causa", indican os representantes dos traballadores, que nas últimas semanas utilizaron lazos verdes co nome e o logo de Ence nas súas redes sociais e comunicacións para acompañar a súa loita en defensa da permanencia da pasteira en Lourizán.
Engaden a súa "repulsa" a este tipo de actos vandálicos que "atentan contra a dignidade das persoas" e manifestan que esperan unha "pronta actuación" da Fiscalía para que investigue de oficio o ocorrido e aclare a súa autoría.
Nos últimos días os 'lazos solidarios' dos traballadores de Ence tamén apareceron en pintadas contra o PSOE, con dianas na cara de Pedro Sánchez e lazos verdes, nun acto vandálico que os socialistas levarán á Xunta Electoral. Con todo, no seu comunicado, os comités de empresa tan só condenan de forma expresa as pintadas contra Carme da Silva.
Por outra banda, a cabeza de lista do PP ao Congreso, Ana Pastor, tamén se referiu este martes ás pintadas con motivo dun acto de campaña. Tachou a súa aparición de "lamentable" e manifestou o seu rexeitamento a "cualquier tipo de acto" desta natureza e o seu apoio a "cualquier líder que sea escrachado".
"Lo sentimos un montón", valorou a candidata do PP, que mostrou todo o seu apoio a Carme da Silva "porque no hay derecho" e aproveitou para lembrar que o PP é un partido especialista en que "nos hagan escraches".