A concelleira de Igualdade e Promoción Económica, Yoya Blanco, inaugurou este venres cun roteiro por varios dos comercios participantes a exposición fotográfica do obradoiro 'Namórate de Ti'.
Esta actividade está impulsada polo seu departamento e o Centro de Información á Muller (CIM) en colaboración coa fotógrafa e creativa Patricia Maquieira e a animadora sociocultural Tegra Gómez, no marco do programa de actividades organizado co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A mostra foi visitada pola edil socialista en compañía da directora do CIM, Rosa Campos; a axente de Igualdade Mercedes Renda; as propias Maquieira e Gómez e un grupo de mulleres que protagonizan algunhas das imaxes expostas en 16 establecementos comerciais situados nas rúas Castelao e Cruz Gallástegui.
En concreto, a exposición artística, poderá contemplarse durante as vindeiras semanas nos escaparates de Naty (tenda de roupa), Carlos Pons (perruquería), Doce Óptica, Alain Afflelou Óptico e Audiólogo, Cordal (agasallos), Tito de la Peña (perfumería), Desigual, Ali Móviles, Dicenfot SL, Chicco, La Mattina, Belén García Íntimo, Clikrs, Decoración Cordal, Daser Fotografía e Atmósfera Sport.
Yoya Blanco sinalou que "a carga de sentimentos e emocións desta mostra é enorme, xa que está protagonizada por mulleres vulnerables, que en varios casos foron vítimas de violencia de xénero e que puideron respirar libres grazas a estes talleres".
A concelleira do PSOE considera que son unhas "valentes" as mulleres libres que protagonizan as "marabillosas fotografías desta mostra". Nos talleres tamén participaron outras compañeiras que, pola súa situación persoal, prefiriron manterse anónimas, pero para que as que os obradoiros tiveron ese mesmo efecto catártico, empoderante e liberador que para todas as que asistiron a eles".
Entre os obxectivos de 'Namórate de Ti' están os de fomentar o empoderamento feminino e a autoestima a través da fotografía, así como a plena liberdade de pensamento e expresión. Os talleres, que teñen o seu colofón nesta mostra fotográfica, desenvolvéronse de xeito gratuíto na Casa Azul os días 6, 7, 13 e 14 de outubro.