Os escaparates dunha vintena de establecementos comerciais de Pontevedra situados na contorna da Praza de San Xosé e da rúa Rosalía de Castro acollen ata o vindeiro 6 de decembro unha exposición fotográfica protagonizada por mulleres participantes no programa de empoderamento feminino 'Namórate de Ti'.
Todas elas participaron nos obradoiros impartidos pola artista Patricia Maquieira e a orientadora Tegra Gómez e exhiben nas imaxes desta mostra o seu lado máis íntimo, positivo, profundo e optimista.
A exposición foi inaugurada este martes cun percorrido no que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, visitou as vitrinas dalgunhas das firmas participantes acompañada dalgunha das súas protagonistas; da propia Tegra Gómez; da directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.
En concreto, a mostra pode desfrutarse nos comercios Viajes Eroski, Trévede Fashion Store, Zafiro Tours, Bess Two, Taller de Costura Bendrell, Óptica Federópticos Revenga, La Audiencia, D-Lectum, Mepiachi - Restos Stock, Farmacia Evangelina Blanco Rey, Madre Selva Cosmetics, Lienzo Decoración, Sonytel Galicia, Xoaría Palamios, Sonata Dos, Café Bar 33, Carnicería Quique, Pontepan, Wengue Interiorismo, La Tienda de Raquel e Moma.
Tal e como sinalou Yoya Blanco, "con esta exposición poñemos o colofón a unha nova edición do obradoiro Namórate de Ti, un taller de empoderamento feminino onde Tegra e Patricia puideron traballar con estas mulleres bravas a mellora da autoestima e o enfoque positivo do presente, a través de diferentes dinámicas con actividades como baile, reflexións, escritura, escoita, conexión coa natureza e eliminación de etiquetas como 'vítima', para enfocar o futuro dun xeito máis livián e sentíndonos moito máis poderosas".
'Namórate de Ti' está enmarcado dentro das actividades organizadas pola Concellería de Igualdade e o CIM co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Este programa desenvolveuse no CIM ao longo de catro xornadas (os días 26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro), co obxectivo esencial de que tódalas participantes aprendesen a quererse e valorarse empregando a imaxe e a fotografía como ferramenta.
Deste xeito, 'Namórate de Ti' permitiu reforzar a autoestima e o autoconcepto que as participantes teñen de si mesmas, fomentando a unión social e a cooperación grupal, a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e as sesións fotográficas que xerminaron nesta emotiva mostra.
Segundo apuntou Tegra Gómez, "este é un programa dirixido a mulleres que ten como obxectivos esenciais o aumento da autoestima e o empoderamento, que ten dúas fases: a primeira consta de catro sesións, nas que facemos traballo de liberación de etiquetas e que lles permiten acadar a confianza suficiente como para despois poñerse diante dos focos, brillar con luz propia e botar todo o mellor de si mesmas nesas fotos; e esta segunda, que exhibe as fotografías nos escaparates". "Queremos ser mulleres, nada máis. Non queremos ter outro tipo de etiquetas, porque nos limitan e nos clasifican cara a fóra, e non queremos. Queremos vivir libremente e amosar a nosa personalidade", afirmou Tegra Gómez.
A orientadora indicou que, aínda que nun primeiro momento sempre existen nervios ou reticencias á hora de saír nas imaxes, á maioría de mulleres participantes acaba por resultarlles unha experiencia moi positiva "o feito de verse en fotos grandes, efectuadas con focos, cun fondo determinado, cunha pose diferente e nas que se ven favorecidas". "Acaban desfrutando moito, soltándose e xogando coa cámara durante as sesións. Verse nun escaparate xa é un paso máis. Hai algunhas ás que lles encanta e outras que teñen un pouco de vergoña", matizou Tegra Gómez.