Os comerciantes da rúa Forno de Caldas engalanan a súa rúa polo entroido

Umia
17 de febreiro 2020

O goberno local anima ao resto de colectivos empresariais e veciñais a seguir o exemplo e contribuír coa decoración porque "o Concello non pode chegar a todos os espazos"

A rúa Forno de Caldas, decorada para o Entroido
A rúa Forno de Caldas, decorada para o Entroido / Concello de Caldas

Os empresarios da Rúa Forno de Caldas decidiron decorar a súa rúa para a celebración do entroido. Comerciantes, hostaleiros e veciños colaboraron á hora de engalanar este espazo da zona antiga da vila termal con banderines de cores, cintas, antefaces, chapeus ou máscaras entre outro tipo de elementos típicos destas datas.

"Dá mostra do dinamismo e da creatividade do colectivo de comerciantes e da veciñanza desta rúa que xa no pasado Nadal levaron a cabo de maneira pioneira ou seu adorno”, declarou o concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Jacobo Pérez. Desde o Concello están convencidos de que esta iniciativa supoñerá un impulso que "contribuirá á dinamización comercial e que lles reportará beneficio porque xera interese e vai atraer xente aos establecementos”, sinalo o edil.

Así mesmo, o titular de Comercio anima ao resto de comerciantes do centro urbano caldense a seguir o exemplo dos empresarios da rúa Forno. "Convidamos a todo o comercio, hostalería e veciños de Caldas a facer unha chiscadela ao entroido e decorar as rúas, porque desde o Concello non temos a capacidade de chegar a todos os espazos. Por iso agradécense moito este tipo de iniciativas cidadás que benefician ao conxunto da vila”, admitiu Pérez.

Arquivado en