Os comerciantes celebran que as rebaixas de inverno están a ser "boas"

Pontevedra
07 de febreiro 2015

Segundo informa a Federación Provincial de Comercio, ata o pasado 31 de xaneiro vendeuse un 6,5% mais que no ano 2014 co que en febreiro "se pode chegar a superar o gasto que o consumidor tiña previsto"

Stock Pontevedra 2015
Stock Pontevedra 2015 / Mónica Patxot

As rebaixas de inverno están a ser boas, recuperándose as vendas doutros anos. Segundo informa a Federación Provincial de Comercio, ata o pasado 31 de xaneiro vendeuse un 6,5% máis que no ano 2014 co que en febreiro "se pode chegar a superar o gasto que o consumidor tiña previsto".

Desde esta federación sinalan que estas rebaixas estan sendo "as mellores destes últimos anos en prezo" polo que se espera que este meses que restan sexan "bos para o comercio".

A tempada de rebaixas de inverno empezou nalgúns comercios o 15 de novembro e rematarán o 7 de marzo para as grandes cadeas, aínda que é de esperar que as tendas con existencias aguanten ata que empecen as vendas de primavera. Non hai que esquecerse que o 60% do comercio que esta en rebaixas é téxtil, o 15% calzado, e o resto doutros sectores.

Ata o pasado 31 de xaneiro en Pontevedra capital vendérase 3,7 millóns de euros

Na comarca de Pontevedra, esta federación manexaba unha previsión de gasto de 7.1 millóns de euros. Ata o pasado 31 de xaneiro en Pontevedra capital vendérase 3,7 millóns de euros e no resto da comarca (Poio, Barro, Campo Lameiro, A Lama, Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa) superáronse os 1,4 millóns.

Na provincia lévase vendido dende o día 15 de novembro de 2014 a 31 de xaneiro de 2015, un total de 38.9 millóns de euros, estando previsto que a media de gasto ata o día 7 de marzo sexa de 52.2 millóns.

Os municipios que máis tirón tiveron nas rebaixas foron Vigo, que conta con 5.300 comercios en rebaixas, Pontevedra con 1.150 comercios, e Vilagarcía de Arosa con 780 comercios.