Os comerciantes agrícolas da provincia, preocupados ante o futuro da praga da pataca

Pontevedra
06 de marzo 2017

Na tarde deste luns, en Pontevedra, tiña lugar a reunión entre os representantes de Asociación Profesional de Comerciantes Agrícolas de Pontevedra e o departamento de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia. O obxectivo da asociación era pedir información sobre a situación da praga da pataca en Galicia e solucións para a corentena que afecta aos cítricos de toda a costa

Patacas
Patacas / Silvia Siles

Representantes da APCAPO (Asociación Profesional de Comerciantes Agrícolas de Pontevedra) reuníronse este luns 6 de marzo cos responsables do departamento de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia na provincia.

Os comerciantes agrícolas queren que a administración aclare as ideas sobre os problemas relacionados coa praga de Scrobipalpopsis solanivora, máis coñecida como polilla guatemalteca da pataca, pero tamén coñecer a situación da corentena que afectan aos cítricos de toda a costa e que leva tres anos controlando a venda de limoeiros, laranxos e demais árbores vítimas da Psila africana.

A provincia de Pontevedra non conta cunha gran produción de patacas, pero si que son sementadas para uso doméstico. "Vendes abonos, fitosanitarios... Sería un desastre", afirma con preocupación Óscar Taboada, presidente da APCAPO, "gran parte de nuestros negocios se basan en las patatas". Un problema que desvela ás 22 tendas agrícolas que pertencen á asociación. Confían en que este ano a praga non lles alcance pero asumen que nalgún momento o fará.

Por iso, agricultores e consumidores están preocupados pola seguridade das plantacións. Taboada asegura que as sementes e patacas ofertadas son seguras e, ademáis de Ourense, veñen de comunidades como Castela e León e mesmo Holanda e que as contaminadas son bloqueadas pola Xunta. Pero fai fincapé na necesidade de prestar unha maior atención ante a ameaza de que afecte a Pontevedra, xa que podería chegar a lugares como Xinzo de Limia e os seus arredores, onde a produción do tubérculo é moito máis importante.

A SITUACIÓN DOS CÍTRICOS

Dende a APCAPO queren evitar unha situación parecida á da praga que afecta aos cítricos da costa galega. Dende 2015, a venda destes froiteiros está prohibida e parece que a situación non cambiará polo menos ata o 2018.

Coa problemática da pataca comparte o doméstico do seu consumo e comentan que "es raro que una casa no tenga un cítrico". A principal diferenza é a escasa cobertura que recibiu esta epidemia e a deficiente concienciación dos agricultores, que se escapan a zonas de interior ou mesmo a Portugal en busca de espécimes para sementar. 

As charlas informativas, aínda que existentes, di Taboada que non son suficientes, xa que moita xente non é consciente de que ten as árbores afectadas ou non saben como actuar polo que se trataría dunha loita ante o descoñecido. "La Xunta da charlas pero no explican bien qué productos tienen que usar", incluso ignorando, no caso dalgúns produtores, a necesidade do carné de usuario que expide a administración para a compra e manexo de fitosanitarios. Por iso recomenda "podar y quemar las ramas cuando empiezan a tener problemas para evitar la contaminación de otros árboles".

Óscar Taboada quere tranquilizar ao consumidores pero esixe medidas por parte da Xunta. Por iso, reclamaron información na reunión que mantiveron cos responsables de Sanidade Vexetal, onde pediron solucións para o control da praga da pataca e sobre todo, máis charlas informativas para os agricultores. Porque a concienciación é a mellor solución.