Os comedores do campus dan exemplo de economía circular

Pontevedra
21 de novembro 2018

Persoal técnico do Plan Revitaliza explicou aos comensais que os restos de comida que deixan nas bandexas convírtense en compost

Comedor universitario
Comedor universitario / Deputación de Pontevedra

No marco da campaña informativa sobre compostaxe que están a levar a cabo os mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación e do Concello de Pontevedra, este mércores informaron ás persoas usuarias dos comedores de Ciencias Sociais e Forestais do campus universitario da Xunqueira como os restos da comida que deixan no prato acaban converténdose en compost.

As preguntas máis frecuentes do estudantado estiveron relacionadas co tipo de residuos que son compostables e onde se fai a compostaxe dos biorresiduos que saen dos comedores. As respostas sorprenderon a máis de un, que descoñecía que todos os restos de comida (carne, peixe, ovos, pan, pasta, arroz…) tanto crúa como cociñada, e non só vexetais, poden ir ao composteiro sen problema algún, e que son tratados nos centros de compostaxe situados no mesmo campus, a escasos metros das facultades.

Isto que se fai no campus é un claro exemplo de economía circular: os residuos das comidas que se dan aquí trátanse aquí, non hai que levalos a outro lado.

Ademais das explicacións, os usuarios dos comedores tamén puideron coñecer máis cuestións sobre a normativa que rexe a compostaxe, do proceso mediante o cal os residuos se transforman en compost e moitas outras cuestións a través de paneis explicativos, folletos, cartaces e incluso de manteis individuais nas bandexas do comedor.

Diariamente nos centros de compostaxe comunitaria do campus xestiónanse os desperdicios dunha media de 300 menús na facultade de Ciencias Sociais e duns 80 na facultade de Forestais. Trátase de composteiros pechados de uso exclusivo dos comedores, onde se xuntan os biorresiduos do cociñado e das bandexas, que son depositados polo persoal da empresa concesionaria, e que despois seguen un proceso controlado polo persoal técnico da Deputación e o Concello.

Foron varios os membros da comunidade educativa, de feito, que aproveitaron a existencia de mesas informativas para solicitar ao persoal técnico outros novos centros de compostaxe abertos que poidan utilizarse de forma libre. Esta petición será trasladada ao reitorado, que xa vén valorando a posibilidade dende hai tempo, xa que o de A Xunqueira está declarado "Green campus", implantando medidas de sustentabilidade tanto no ámbito dos residuos como da mobilidade.

Por outra parte, ademais de información, o persoal técnico do Plan Revitaliza tamén repartiu bolsas con mostras de compost para demostrar a súa calidade e fineza. En total repartíronse uns 300 litros entre a xornada do martes e a do mércores. Houbo tamén profesores e persoal de investigación que traballan en proxectos de agricultura ecolóxica que se mostraron interesados en dispoñer non só de mostras, senón de maiores cantidades de fertilizante para fincas e viñedos.