Os cines de Pontevedra permitirán ás persoas con diabete acceder con mochilas grazas á mediación da Valedora do Pobo

Pontevedra
27 de maio 2016

Representantes de Anedia e de ASSEI queixáronse de que o persoal de seguridade obrigábaos a abrir os macutos e ensinar o seu contido e, no caso dos nenos con diabete, cuestionaban a entrada con alimentos que precisan consumir en caso de ter unha hipoglucemia. A institución do Valedor do Pobo contactou nas últimas horas coa xerencia do recinto, que amosou boa disposición a solucionar este problema

Milagros Otero, Valedora do Pobo
Milagros Otero, Valedora do Pobo / Mónica Patxot

A mediación realizada pola Valedora do Pobo logrou que a partir de agora as persoas con diabete ou con enfermidade inflamatoria intestinal poidan acceder coas súas mochilas aos cines de Pontevedra. 

Representantes da asociación de nenos con diabete de Galicia (Anedia) e do colectivo que defende os intereses de persoas con enfermidade inflamatoria intestinal (ASSEI)  falaron coa Valedora do Pobo durante a súa recente visita a Pontevedra, na que tivo un encontro cos veciños na Casa das Campás. Trasladáronlle as dificultades que tiñan para acceder aos cines pontevedereses, situados no centro comercial Vialia, con material hixiénico, sanitario e alimentos específicos que precisan.

Segun relataron estes colectivos, o persoal de seguridade obrigábaos a abrir os macutos e ensinar o seu contido e, no caso dos nenos con diabete, cuestionaban a entrada con alimentos que precisan consumir en caso de ter unha hipoglucemia. A institución do Valedor do Pobo contactou nas últimas horas coa xerencia do recinto, que amosou boa disposición a solucionar este problema.

Segundo indican a través dun comunicado, logrouse "que se permita o libre accceso" con mochilas. O comisionado parlamentario fará extensiva esta petición á dirección da empresa concesionaria do recinto para que achegue ao seu persoal as correspondentes instrucións.

A visita da valedora a Pontevedra o mércores 18 de maio deu lugar á apertura formal dun total de once queixas por parte da institución e xa deu outros resultados. Así, conseguiron buscar solución ás queixas dos veciños da zona de Estribela, que denunciaban que a Fonte dos Leóns do barrio quedara sen auga corrente despois dunhas obras de canalización do gas na Rúa Cunchidos. Unha das afectadas contactou co Valedor do Pobo esta mesma semana para indicar que xa corre a auga potable.

O Valedor do Pobo mantén un total de 11 expedientes abertos. Algunhas cuestións gardan relación coa accesibilidade sensorial das persoas con dificultades auditivas a edificios públicos e neste sentido xa se pediu informe ao Concello de Pontevedra e á Xunta de Galicia para que indiquen que edificios da súa dependencia contan con bucles magnéticos que permiten unha mellor audición das persoas usuarias de audiófonos ou implantadas cocleares. Tal e como denunciaron algúns afectados á valedora, existen instalacións que ou ben non dispoñen deles ou os teñen inactivos.

A valedoría activou outra investigación en relación a problemas detectados en vivendas públicas na zona de Valdecorvos. Xa se dirixiu á Consellería de Infraestruturas e Vivenda para que lle informe sobre os excesivos gastos de comunidade e subministro que afectan ás persoas que viven nesta urbanización en réxime de alugueiro.

Outros asuntos en marcha tratan a presenza de postes de electricidade en fincas privadas, presuntas irregularidades en programas de rehabilitación de vivendas, problemas coa xerencia de persoal do Sergas e a seguridade viaria dos ciclistas. Desde a institución tratarase de dar resposta, coa máxima axilidade, a todas estas queixas.