Os cidadáns sirios que reclamaron asilo en Marín cobran os seus salarios e abandonan o barco

Marín
22 de novembro 2016

Os cartos non chegaron fisicamente aos mariñeiros ata este martes, segundo confirmou Luz Baz, inspectora da Federación Internacional dos Traballadores do Transporte (ITF). Unha vez que cobraron, deixaron o porto e agora acolleranse ao programa de acollida do Ministerio de Emprego e Seguridade Social coa ONG Accem, con sede na Coruña

Os mariñeiros sirios que pediron asilo en Marín reciben a comunicación de que a solicitude se admitiu a trámite
Os mariñeiros sirios que pediron asilo en Marín reciben a comunicación de que a solicitude se admitiu a trámite / Mónica Patxot

Os sete cidadáns sirios que a semana pasada chegaron ao porto de Marín a bordo do buque Lady Boss e pediron asilo político en España para evitar regresar ao seu país xa están fóra do barco tras cobrar os tres meses de salario que lle debía a empresa armadora

A armadora xa realizara unha transferencia a un banco de Marín o venres, día que os cidadáns sirios recibiron o seu 'cartón vermello' que os autoriza a traballar e residir en España de forma temporal. Con todo, ese diñeiro non chegou fisicamente aos mariñeiros ata este martes, segundo confirmou Luz Baz, inspectora da Federación Internacional dos Traballadores do Transporte (ITF).

Os sete demandantes de asilo xa podían abandonar o barco desde o venres porque están autorizados a vivir e traballar en territorio español, pero optaron por permanecer a bordo ata cobrar, convencidos de que, unha vez deixasen o buque, xa non cobrarían. Unha vez que este martes teñen xa o seu diñeiro, deixaron o porto e agora acolleranse ao programa de acollida que financia o Ministerio de Emprego e Seguridade Social e que realiza en Galicia a ONG Accem, con sede na Coruña. 

En canto ao buque Lady Boss, Luz Baz tamén confirmou que aínda non pode abandonar Marín, pois está retido por Capitanía Marítima a petición de ITF ata que a empresa abone os seus salarios ao resto da tripulación. En total, debía uns 20.000 dólares por tres meses de salario a todo o persoal e ata o momento tan só cobraron os sete demandantes de asilo. O resto de persoal do buque, de orixe siria e búlgara, segue pendente de recibir o seu diñeiro. 

Unha vez que paguen, o buque sairá de porto con algúns traballadores que seguen a bordo e con catro novos mariñeiros que acaban de ser contratados. A súa seguinte parada será Cartaxena e, máis tarde, Turquía, pero o seu destino final será Siria, un país en guerra que querían evitar os sete demandantes de asilo. 

Arquivado en