Os sete cidadáns de orixe siria que solicitaron formalmente asilo en España tras chegar en barco ao porto de Marín seguen pendentes dunha resolución sobre a súa situación. O prazo para que o Goberno de España responda se admite a trámite ou non a solicitude de asilo vence aínda o vindeiro sábado 19 de novembro, pero a noticia pode producirse xa en calquera momento, tendo en conta que toda a documentación está xa a disposición da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior en Madrid. De momento, "no hay novedad".
Mentres eles esperan noticias abordo do barco Lady Boss, van saíndo á luz pequenos detalles sobre a súa situación persoal. Segundo confirmaron a PontevedraViva desde a cuberta do barco, polo menos dous están casados e algún ten fillos, pero a maioría seguen solteiros e sen cargas familiares. Hai unha característica común a case todos e é que, segundo lle trasladaron aos seus avogados, non queren regresar a Siria "polo medo a que lles obriguen a formar parte do Exército".
O recrutamento en Siria é obligatorio para todos os homes entre os 18 e os 40 anos, precisamente a idade de todos eles agás dous, e antes de saír do seu país para traballar como mariñeiros no barco no que chegaron a Marín algún deles xa recibira a carta de alistamiento. O avogado de tres deles, o marinense Gregorio Cantón, explicou que, polo que el sabe, unha vez que tiveron coñecemento de que a seguinte parada do barco tras Marín sería un destino sirio, decidiron pedir asilo como última oportunidade para escapar dese alistamiento obrigatorio. Antes estiveran en Turquía e Guinea Bissau, pero non o pediron.
Os sete cidadáns que pediron asilo comunícanse cos seus avogados a través dun intérprete debido ao seu escaso dominio do inglés. Tamén foi necesario para falar cos axentes da Policía Científica que o mércores acudiron ao barco para tomarlle pegadas e recoller a documentación necesaria para identificarlles, comprobar que son cidadáns sirios e trasladar a Madrid a información na que se basea a petición de asilo.
A Comisaría Provincial de Pontevedra achegou o persoal necesario, pero todos os trámites realízanse directamente desde Madrid. Tampouco a Subdelegación do Goberno en Pontevedra ten intervención directa na solicitude de asilo, que se resolverá no Ministerio do Interior en Madrid.
O prazo máximo para resolver se se admite a solicitude de asilo é de catro días e logo hai dez días máis para recorrer. Unha vez que se admita, xa poderán abandonar o barco e logo terán que esperar entre tres e seis meses para a resolución definitiva. Nese tempo poderán facer vida normal en España.
Mentres tanto, eles aseguran que teñen comida e bebida suficiente no barco para todos os días de espera que teñen por diante. De feito, este xoves Cáritas Marín ofreceuse a levarlles a axuda necesaria a través do seu avogado, pero o capitán do Lady Boss xa aclarou que non será preciso.
A bordo do barco hai máis tripulantes de orixe siria que non solicitaron o asilo, de modo que, cando o barco partir, veranse obrigados a volver a Siria, un país no que a guerra se ha recrudecido nos últimos anos e existe xa escaseza de soldados que non deixa posibilidade aos homes novos de permanecer alleos aos enfrontamentos armados.