Os cidadáns poden participar no deseño do proxecto do Hospital de Montecelo

Pontevedra
14 de marzo 2017

Os pacientes e usuarios atoparán unha enquisa nos puntos de información designados nos hospitais Montecelo e Provincial, ademais de no centro de especialidades de Mollabao. Os cidadáns tamén poderán realizar as súas achegas a través dunha páxina web

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo

O Servizo Galego de Saúde vén de poñer a disposición da cidadanía unha enquisa para mellorar a funcionalidade e o deseño do proxecto do Gran Montecelo en termos de necesidade de espazos dentro do hospital, o seu confort ou a humanización dos mesmos, entre outros.

Esta é a primeira vez que o Sergas potencia a participación cidadá para o desenvolvemento dun plan funcional destas características co obxectivo de que tanto os pacientes como os usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra dean a coñecer as súas impresións mediante a súa achega voluntaria.

Os interesados poderán atopar a enquisa nos puntos de información designados nos hospitais Montecelo e Provincial, ademais de no centro de especialidades de Mollabao.

A partir do mércores 15 de marzo, pacientes e usuarios terán acceso a ditas enquisas que, unha vez cubertas, deberán ser depositadas nas urnas habilitadas nos mesmos puntos de información nas que serán recollidas. A data límite para realizar a entrega será o 17 de abril.

Os cidadáns tamén son quen de realizar as súas achegas a través da páxina webwww.granmontecelo.com, na que teñen a opción de cubrir de maneira virtual e con maior celeridade a mesma enquisa dispoñible en papel nos centros do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Arquivado en