Os centros sanitarios de Pontevedra dan a benvida a 28 médicos en prácticas

Pontevedra
13 de setembro 2021

O alumnado comeza o seu plan de formación práctica, no que rotarán por diversos servizos especializados dos hospitais Montecelo e Provincial, do centro de especialidades de Mollabao e do centro de saúde de A Parda

Presentación dos 28 médicos que completarán os seus estudos no CHUP
Presentación dos 28 médicos que completarán os seus estudos no CHUP / Sergas

Un total de 28 estudantes de sexto de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela iniciaron hoxe o seu curso académico no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Ao longo desta semana, estes alumnos comezan o seu plan de formación práctica, no que rotarán por diversos servizos especializados dos hospitais Montecelo e Provincial, do centro de especialidades de Mollabao e do centro de saúde de A Parda.

Divididos en dous grupos, os 28 estudantes levarán a cabo rotacións, regradas e obrigatorias, polos servizos de Pediatría, Obstetricia e Xinecoloxía, Psiquiatría, Medicina Interna, Urxencias, Cirurxía Xeral e Medicina Familiar, sempre baixo a supervisión dos seus respectivos titores coordinadores.

Así mesmo, estes alumnos tamén terán a oportunidade de achegarse a outros servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, xa sexan da área médica, cirúrxica ou médico-cirúrxica para, finalmente, ser avaliados ao remate do curso académico.

Este é o séptimo ano que o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés impartirá de xeito completo o último curso da Especialidade, despois da súa declaración coma hospital universitario a finais do ano 2012.

Grazas a este plan de formación, os estudantes benefícianse de poder realizar a totalidade do último curso de Medicina nun entorno hospitalario de recoñecido prestixio, tanto polas súas instalacións como polos seus profesionais, a través dun completo programa rotatorio de prácticas, no que contarán de xeito continuado co apoio dun titor coordinador.

No que atinxe ao plan de formación, as liñas de traballo deste programa afondarán nas competencias máis específicas, afianzando os coñecementos globais previos, acadando un maior aproveitamento dos recursos do Servizo Galego de Saúde e a homoxeneización da docencia no eido sanitario.