Os centros escolares de Soutomaior coñecen o Entruido tradicional

Soutomaior
17 de xaneiro 2024

O alcalde de Soutomaior Manu Lourenzo e o antropólogo Rafa Quintía estiveron nesta xornada no CEIP Manuel Padín Truiteiro, no IES Soutomaior e no Colexio Santiago Apóstolo presentando e explicando a tradición e a programación do Entruido de Soutomaior que se celebrará do 3 ao 13 de febreiro

Manu Lourenzo e Rafa Quintía falando do Entruido nun centro educativo de Soutomaior
Manu Lourenzo e Rafa Quintía falando do Entruido nun centro educativo de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Entruido de Soutomaior chegou este mércores aos centros educativos do concello da man de Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e de Rafa Quintía, antropólogo, que explicaron ao alumnado de 3º e 4º da ESO do Colexio Santiago Apóstolo, ao alumnado do IES Soutomaior e os alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Manuel Padín Truiteiro a historia e tradición destas datas no concello e de que maneira se vai a recuperar esa celebración neste 2024.

Unha presentación aberta á veciñanza que xa se levou a cabo o pasado luns na Casa da Cultura Regina Míguez Doval onde asistiron integrantes do tecido asociativo, membros da hostalería e do comercio.

Este mércores foi a quenda de levar esta presentacións aos centros educativos, de tal xeito que, Quintía explicou que para que este Entruido teña éxito o que precisan é a participación da xente. A través de exemplos que conectaban co público asistente o antropólogo explico que "se podes celebrar o teu aniversario é mellor que celebrar o do veciño pois co Entruido igual" dixo, "se Soutomaior conta cunha tradición e unha celebración especial non é necesario moverse de aquí para vivir está época do ano, o mellor é quedarse e recuperar a celebración deste Entruido".

Quintía e Loureno lembraron a tradición de correr o Entruido por Soutomaior e da famosa corrida do Galo que se levaba a cabo en numerosos barrios de Soutomaior e Arcade, así como a realización de mecos que formaban parte da sátira e o ton burlesco co que conta esta época do ano.

Quintía explicou que en Soutomaior, de momento, non descubriu ningunha testemuña de que se queimase o meco no mércores de cinza, o que sí se facía era a procesión do galo que ía no interior dun cesto realizado con vimbios e decorada dun xeito moi colorido. Os días grandes do concello de Soutomaior foron historicamente o sábado, o domingo e o martes de Entruido, na súa recuperación neste 2024 volverán a ter estes días un protagonismo moi especial.

Manu Lourenzo convidou ao alumnado a que formen parte dos obradoiros que ofrece o concello que serán os días 20 e 27 de xaneiro co Obradoiro de preparación de comparsa municipal, o sábado 20 as máscaras serán as protagonistas do obradoiro de "ganchillo" para o Entruido e o domingo 28 o obradoiro protagonista será de máscaras de Entruido. Aberto o prazo de inscrición ata o 19 de xaneiro nesta ligazón.

Tamén se lembrou nesta xornada que o día 3 de febreiro a axenda virá marcada polo Concurso de Comparsas que comezará ás 17:30 dende a Rúa do Calvario. Inscrición no Rexistro na sede electrónica. Prazo de inscrición desde martes 16 xaneiro ás 09.00 horas ata o mércores 25 de xaneiro ás 14:00h.

E xa no tocante á parte máis tradicional e de recuperación do Entruido de Soutomaior nesta xornada explicaron que estas citas chegarán os días 10, 11 e 13 de febreiro. Deste xeito o sábado 10 de febreiro Soutomaior vai a 'Correr o Entruido', para isto toda a veciñanza está convidada a correr polos diferentes barrios de Soutomaior. Ás 20:30 desa xornada, desde sábado 10 de febreiro, terá lugar a merenda-cea gastronómica na Casa do Pobo do Val do Sobral seguida dunha verbena.

Xa o domingo 11 de febreiro, o Galo (adaptado aos tempos actuais, será unha personaxe, non será un animal real en ningunha das súas recreación neste Entruido) percorrerá en procesión os barrios de Soutomaior, para rematar toda a veciñanza que participe nunha comida comunal. Xa pola tarde, o carro do Galo chegará a Talo Río (Arcade) onde terá lugar tradicional corrida do Galo con xogos para todas as idades e moitas sorpresas, ao remate os asistentes poderán desfrutar dunha actuación musical. 

E como colofón final, o martes de Entruido chegará marcado pola fiada e os mecos satíricos. A fiada é un baile tradicional que se realiza á noitiña. Foliada amenizada con música e baile tradicional coa participación de gaitas, pandeiretas, bailadores, e demáis. Desafíos entre mozos e entre o resto de participantes da fiada. Unha cita que terá lugar dende ás 20:30 ata ás 00:00 dese martes de Entruido.

Arquivado en