Seis novos farmacéuticos incorpóranse desde este mércores 1 de xuño ao servizo de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, duplicando o persoal Farmacéutico de Primaria actual ata un total de 12 profesionais.
Estes seis novos profesionais van prestar a súa atención presencialmente nos servizos de Atención Primaria de Bueu, Marín, Poio e Vilaboa, así como incrementar os días de actividade nos Servizos de Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove e Baltar.
Tamén reforzarán a súa presenza en horario de tarde nos centros de saúde de A Parda e Virxe Peregrina en Pontevedra, así coma no centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.
A incorporación destes novos profesionais vai permitir desenvolver na súa totalidade a carteira de servizos desta categoría. Con esta medida, o Servizo Galego de Saúde mantén o obxectivo de ofrecer unha atención farmacéutica de maior calidade e equidade, potenciando a capacidade desta categoría profesional.
A figura profesional do Farmacéutico de Atención Primaria xorde no Sistema Nacional de Saúde nos anos 80 e a súa actividade principal céntrase en mellorar a seguridade, efectividade e eficiencia do uso do medicamento, tanto a nivel individual como poboacional, colaborando co equipo asistencial no que está integrado na optimización do tratamento farmacolóxico do paciente.