Os cefalopodeiros séntense desamparados logo dunha "infrutuosa entrevista" con Pesca en Madrid

Marín
30 de xullo 2013

Este mércores 31 de xullo os traballadores realizarán unha asemblea da biblioteca de Marín ás 10:30 da mañá onde decidirán que medidas tomar ante a situación crítica que sofre a actividade que viñan desenvolvendo ata meses atrás

Os mariñeiros da flota cefalopodeira galega que faenaba en Mauritania ven cada día máis difícil o retorno aos caladoiros do país africano ao carecer do apoio suficiente desde as diferentes administracións públicas. Asi o aseguran dende o sindicato CIG logo de que este martes mantiveran unha "infrutuosa entrevista" co secretario xeral de Pesca en Madrid.

Segundo asegura a CIG, a pesar de lles comunicar que o goberno español está a levar a cabo "numerosas xestións", o secretario xeral de Pesca é "incapaz de dar unha saída á dificil situación" na que vai quedar a flota tralo remate a fins deste mes das axudas compensatorias que viñan recibindo atao momento.

O secretario xeral de CIG-Mar, Xabier Aboi, resumiu o encontro cunha frase moi descriptiva: "Mais do mesmo". Asegura o sindicato nacionalista que "voltaron con máis interrogantes que solucións" e que, a estas alturas, a única alternativa para os tripulantes da flota cefalopodeira galega unha vez que rematen as axudas do fondo europeo "será o desemprego, a non ser que xurda unha alternativa que as administracións son incapaces de dar".

Despois das esperanzas depositadas nunha renegociación do acordo de pesca con Mauritania que deixara fóra á flota galega, instada pola comisión de Pesca do Parlamento europeo o 29 de maio, CIG sinala que "que non existiu ningún avance satisfactorio". A Comisaria europea de Pesca, María Damanaki, anunciou recentemente unha nova comisión mixta sobre a flota peláxica holandesa, nun xesto que dende Galicia se interpreta que "obvia unha vez máis a problemática dos cefalopodeiros galegos".

Desde a CIG-Mar acusan o goberno español de "falta de compromiso" e de "xerar expectativas a longo prazo" noutros caladoiros como Senegal, sen polo momento ofrecer nada tanxíbel. "Están a vender o recente acordo de pesca con Marrocos como un grande avance, mais non contempla cuota de polbo nen de marisco", recorda Xabier Aboi.

A federación de Mar do sindicato nacionalista engade que "a actitude da Xunta de Galiza non está a ser mellor". Se meses atrás "fachendeaba" do seu suposto protagonismo na decisión da comisión de pesca do europarlamento, desde entón "non se coñece ningunha outra xestión nen reunión cos afectados". "Mesmo nin se dignaron a emitir ningunha opinión sobre o fin das axudas", sinalan.

Este mércores 31 de xullo os traballadores realizarán unha asemblea da biblioteca de Marín ás 10:30 da mañá onde decidirán que medidas tomar perante a situación crítica que sofre a actividade que viñan desenvolvendo ata meses atrás.

Arquivado en