A estancia de pacientes da área de pediatría dos hospitais de Pontevedra e O Salnés serán máis levadeiras a partir de agora. A xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e o concesionario oficial de Audi e Volkswagen Vepersa acaban de asinar un acordo para a cesión de catro vehículos eléctricos de xoguete que estarán ao dispor dos pequenos pacientes para desprazarse polos corredores dos centros.
Trátase de catro vehículos correpasillos, dous Audi e dous Volkswagen, que foron entregados hoxe á directiva do CHOP por parte do responsable do concesionario Pérez Rumbao, Íñigo Bellido. “O grupo ten interese en contribuír ao benestar dos máis pequenos, sobre todo, cando se atopan hospitalizados e han de superar unha intervención cirúrxica”, sinalou o empresario.
A entrega destes coches comezou a facerse realidade hai dous meses, cando a xerencia do Hospital Montecelo dirixiuse ao concesionario para explorar a vía de adquirir estes vehículos para o servizo de quirófano da área Materno/infantil do Hospital Provincial de Pontevedra.
Con esta doazón, o grupo pretende que os pequenos que teñan que realizar calquera intervención, poidan ser trasladados desde a habitación cara á área cirúrxica nos vehículos de xoguete. Unha experiencia que a recado lles fará máis levadío o proceso e permitirá que cheguen á sala de operacións en condicións máis relaxadas. A xuízo da xerencia hospitalaria, o espertar dos pequenos que entran nestas condicións, resulta tamén máis tranquilo.
Tras unha primeira toma de contacto, no mes de maio, o equipo do CHOP propuxo ampliar a doazón ao Hospital do Salnés. Unha petición que conlevou a compra por parte de Vepersa de catro vehículos, para ambos os centros hospitalarios: un Audi Q7 e un Volkswagen Beetle para o Hospital Provincial de Pontevedra e un Audi Q5 e outro Volkswagen Beetle para o hospital do Salnés.